O número de asuntos en trámite nos xulgados e tribunais galegos diminuíu un 5,2% no primeiro trimestre de 2022 con respecto ao mesmo período do ano pasado. A 31 de marzo, tiñan 153.141 procedementos abertos, fronte aos 161.572 de 2021.
Así se desprende do informe publicado este venres pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) e do que informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), un documento que tamén reflicte que os órganos xudiciais de Galicia conseguiron superar os efectos da crise sanitaria e mellorar, mesmo, os datos previos a 2020. De feito, en 2019, o ano anterior á pandemia, tiñan ao termo do primeiro trimestre 154.323 casos en trámite, un 0,7% máis que este ano.
Entre xaneiro e marzo os xulgados e tribunais de Galicia ingresaron 83.615 procedementos, un 2,3% máis que no mesmo período de 2021, e resolveron 86.088 asuntos (323,64 de media por órgano xudicial), un 1,2% menos. A taxa de litixiosidade, é dicir, o número de procedementos por cada mil habitantes, situouse en 31,1, fronte aos 35,7 de media estatal.
O informe, ademais, indica que o 1 de xaneiro os órganos xudiciais tiñan 155.909 asuntos en trámite, un 7,2% menos que na mesma data de 2021, o que, conforme sinalou o TSXG, demostra o esforzo realizado o ano pasado por todo o persoal da Administración de Xustiza para superar a pandemia, que en 2020 provocou a paralización dos prazos procesuais.
DATOS POR PROVINCIAS
Así mesmo, no tres primeiros meses do ano, na provincia da Coruña resolvéronse 31.132 asuntos e ingresaron 30.902, un 2,3% máis que no mesmo período de 2021. Pontevedra recibiu 29.443 casos e finalizou 30.599 (0,4% máis). Na provincia de Lugo entraron 9.116 novos procedementos e, na de Ourense, 8.801, dos que se resolveron 9.561 (un 5,1% menos) e 9.410 (0,7% máis), respectivamente.
A Coruña e Pontevedra tiñan en trámite ao comezo do primeiro trimestre deste ano 64.570 e 49.942 asuntos, respectivamente, e, ao finalizalo, quedaron abertos na Coruña 64.335 (un 5,3% menos que en 2021) e, en Pontevedra, 48.665 (5,9% menos que o ano pasado).
Os xulgados de Lugo iniciaron o período con 19.880 casos sen resolver e finalizárono con 19.224, é dicir, un 4,4% menos que o ano pasado nas mesmas datas. A provincia de Ourense tiña en trámite ao comezo do primeiro trimestre 13.946 asuntos e, ao terminalo, 13.379, un 10% menos.