A Xunta desprega a artillaría institucional en Lugo. O impacto da anulación dos compromisos coa Residencia activou un plan continxencia, incrementando a presenza na provincia do presidente Alberto Núñez Feijóo, con tres visitas en seis días, e acelerando os anuncios relacionados coa reactivación do barrio lucense. Dentro desta estratexia, o executivo autonómico presentou a primeira aceleradora do sector aeronáutico en Galicia, ubicada de xeito provisional no Pazo de Feiras e Congresos ata a construcción do complexo da Residencia a partir de 2019.
Para esta iniciativa, a Xunta contará co apoio da Fundación da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), e máis Indra e Babcock, corporacións instaladas no aeródromo de Rozas. A aceleradora de empresas mobilizará 4,75 millóns de euros ata a fin de 2021, co gallo de arroupar a creación e o crecemento de compañías innovadoras no eido aeronáutico.
O programa será un complemento do polo tecnolóxico de Rozas, que comprende na actualidade tres actuacións. A primeira é a construcción do Centro de Investigación Aeroportada, cun orzamento de 10 millóns de euros; a segunda, o programa conxunto de I+D, para o que a Xunta achega 40 millóns, e Babcock e Indra outros 75; e o plan de compra pública innovadora de solucións baseadas en avións non tripuladas, por 24 millóns de euros.
Así, a primeira edición –das tres previstas a priori– da aceleradora do sector aeronáutico iniciarase este mesmo mes de novembro, e a previsión é poder impulsar 19 iniciativas empresariais con empregos de alta cualificación. O programa consta de catro fases, convocatoria, selección, incubación e aceleración; e estará emprazado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo para despois instalarse no Centro Público de Innovación, no futuro complexo da Residencia. Este edificio dispón de proxecto básico e aproveitará unha partida de 3 millóns de euros nos orzamentos da Xunta para 2019.
Cada iniciativa da incubadora contará cunha achega directa de ata 100.000 euros, e acceso a investimentos de capital de Indra de entre 50.000 e 500.000 euros. A continuación, as empresas en fase de aceleración accederán a unha liña de financiamento de Xesgalicia, de entre 50.000 e 250.000 euros por proxecto, máis investimentos de capital de 50.000 euros.
Durante o programa, as empresas incipientes disporán de espazos de traballo e coworking, infraestruturas para ensaios, acceso ao aeródromo, plataformas de xestión, información e comunicación, formación, consultorías técnica e de negocio, soporte na procura de financiamento, e acceso á bolsa de traballo do polo de tecnolóxico de Rozas.
A aceleradora estará aberta a calquera institución ou entidade que desexe colaborar. Na primeira edición os colaboradores serán Delta Vigo, Centum, Sixtema, a Fundación Kiom, o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, o centro tecnolóxico Gradiant, e o Consorcio Aeronáutico Galego.