InicioSociedadeUn mozo denuncia o alcalde de Pol por agresión durante un partido...

Un mozo denuncia o alcalde de Pol por agresión durante un partido de fútbol

O rexedor asegura que está "moi tranquilo" e insiste en que "non" fixo "nada malo".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O mozo de 27 anos Brais Rodríguez, veciño de Portomarín, denunciou este luns ante a Garda Civil do municipio de Pol ao alcalde desta localidade, ao socialista Lino Rodríguez, por suposta agresión durante un partido de fútbol, mentres que o rexedor a nega e asegura que non fixo “nada malo”.

Os feitos denunciados supostamente sucederon nun partido no que o Pol xogaba o ascenso a Rexional Preferente, que finalmente perdeu por un a dous fronte ao Portomarín. A presunta vítima relatou que el chegou unha hora e media antes do partido, e que consultou coa persoa encargada do material dos xogadores do Pol se podía empolicarse a unha estrutura onde a Televisión de Galicia adoita colocar os seus equipos cando xoga o filial do Club Deportivo Lugo no campo do Pol.

Xa na estrutura, o alcalde subiu “ata en tres ocasiones” para convidalo a que deixase ese lugar e a que non tocase o bombo. A segunda vez que subiu para afearlles a súa actitude chegou a pedirlles aos dous axentes da Garda Civil que os botase dese lugar, pero non o fixo.

A terceira vez que foi xa cando, segundo asegura, se produciu a suposta agresión. Brais Rodríguez relata que o rexedor “subiu correndo con espuma na boca” e o agarrou “polo pescozo”. “Arrincoume dous colgantes que levaba e tentoume tirar da estrutura para baixo”, sinalou. “De feito o arbitro recolleuno na acta, que el me agarrou, que eu non lle puxen a man encima e que me tentou tirar dunha estrutura de catro metros de altura”, detallou.

Este mozo de Portomarín presenta “laceracións, unha marca no pescozo de forma da cadea, na perna unha rozadura”. “E no brazo marcas de uña de cando me agarrou”, sinalou. “Non é de recibo que un alcalde faga estas cousas e menos a un rapaz diante de dous menores que van animar o equipo do seu pobo”, protestou.

“MOI TRANQUILO”

Pola súa banda, o alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, asegurou que está “moi tranquilo” á vez que insistiu en subliñar que “non” fixo “nada malo”.

“Ao principio do partido díxenlles que non podían estar aí e volvín ao intre e tamén os avisei pero mofáronse de min”, lembrou. “Estaba a Garda Civil facendo o seu servizo no campo de fútbol e fun xunto a eles e díxenlles que había uns rapaces que estaban a facer caso omiso de saír de aí. No canto de acompañarme, non o fixeron, e os rapaces empezaron a bailar, e a tocar o bombo, eu advertinos pero o rapaz tiña máis que dicir e encima burláronse de mil”, esgrimiu.

Xa unha terceira vez volveu chamar a atención dos afeccionados do Portomarín. “Entón encaráronse comigo e eu collinlle da cinta do bombo e mandeinos para abaixo”, asegurou.

“Entón empezou a gritar. Eu responsabilizo á parella da Garda Civil porque se me din que eles poden estar aí eu non abro a boca. Eu díxenlles que non podían estar aí. Fixeron caso omiso, mofáronse de min e teño que aceptar as mentiras“, manifestou resignado ante a denuncia o alcalde de Pol.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...