InicioLugo e contornaLugoPor que mercou a Deputación de Lugo unha acción de Tragsa?

Por que mercou a Deputación de Lugo unha acción de Tragsa?

O ente público obra así tras unha sentenza xudicial.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O pleno extraordinario e urxente convocado para este martes na Deputación de Lugo aprobou a compra dunha acción do capital social de Tragsa e o encargo a esta entidade do mantemento das zonas verdes cos votos a favor dos integrantes do goberno provincial, PSOE e BNG, e o rexeitamento do PP.

A institución provincial convocou a sesión despois de coñecerse a sentenza do Xulgado do contencioso administrativo número un da cidade que estima un recurso presentado polo Grupo Provincial do PP e anula un decreto da Presidencia da Deputación con data do 13 de decembro de 2019, polo que o goberno decidiu entrar no accionariado de Tragsa ao comprar unha acción.

O fallo, que a Deputación recorrerá ante o TSXG, tamén anula o acordo da xunta de goberno do 27 de decembro de 2019 polo que, con base no citado decreto da Presidencia, decide encargar a Tragsa o mantemento das zonas verdes, un servizo que antes facía Suplusa. Ademais, sinala que a Deputación terá que pagar as costas.

En concreto, incumpriuse o artigo 33 da Lei de Bases de Réxime Local. “Cando afecta á estrutura organizativa, as competencias son claramente do pleno, tal e como dixo o PP no pleno de disolución e, noutras ocasións, e non se nos fixo caso”, sinalou o PP.

Tras iso, este martes, socialistas e nacionalistas aprobaron con maioría absoluta no pleno ratificar a adquisición por parte da Deputación da acción, unha resolución da Presidencia pola que a empresa pública pasou a ter consideración de medio propio personificado da institución e o acordo da xunta de goberno polo que se encargou á mesma o servizo de mantemento e conservación das zonas verdes.

Tal e como sinalou nun comunicado o goberno provincial, os servizos xurídicos da institución estimaron procedente adoptar acordo polo pleno no mesmo sentido que os adoptados polas corporacións co obxectivo de “extremar as garantías de seguridade xurídica nas actuacións provinciais” en tanto non se resolva o recurso de apelación presentado ante o TSXG contra a sentenza.

Para iso, este mesmo martes reuniuse a corporación nunha sesión plenaria na que saíron adiante, cos votos a favor do PSdeG e o BNG e en contra do PP, tres puntos de acordo para ratificar a compra desta acción e o encargo do servizo de mantemento. No pleno, o presidente da Deputación, José Tomé, mostrou o seu máximo respecto á Xustiza pero sostivo que as sentenzas “en moitas ocasións cámbiaas outro tribunal de rango superior”. “Por tanto, deberiamos aplicar a presunción de inocencia mentres os autos non sexan firmes”, indicou.

Ademais, a portavoz socialista, Pilar García Porto, sinalou que o goberno da institución actuou “sempre, en todo momento, conforme a informes e criterios técnicos dos servizos xurídicos”, tanto para proceder no seu momento á compra da acción, como para recorrer a sentenza.

O PP CRITICA AS “CHAPUZAS” DO GOBERNO PROVINCIAL

Pola súa banda, o Grupo Provincial do PP xustificou o seu voto en contra para “non ser cómplice das chapuzas do goberno provincial, máis propias de Pepe Gotera e Otilio que dun goberno serio e rigoroso como merece a Deputación de Lugo”.

O portavoz dos populares Javier Castiñeira sinalou que “non hai unha memoria económica que xustifique a entrada da Deputación de Lugo no accionariado de Tragsa” e que non se xustifica todos os encargos feitos, por seis millóns de euros, así como os sucesivos que se farán con base neste acordo. “Isto é pechar en falso un asunto que se xestionou mal desde o principio”, indicou.

ÚLTIMAS

Reabre o viaduto do Castro dous anos e medio despois do derrube

Galicia e Castela e León volven estar unidas pola A-6 dous anos e medio...

Detida unha parella na Ronda das Fontiñas por agredir aos policías que os identificaron tras un accidente

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron a un home e unha muller como presuntos autores...

Luz verde aos 22 millóns de euros do Plan Deputación 2025

O Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres, no seu Pleno ordinario, as bases...

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...