InicioCulturaA historia do notario do Saviñao, que non tiña avoa

A historia do notario do Saviñao, que non tiña avoa

Helena González de Bisagras de Papel conta a historia dun notario ben fachendoso, que quixo que a súa nota de acceso á carreira, constase en acta.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Lembro que a miña avoa tiña un caderno, onde anotaba en que traballaban ou que estudiaban, os seus netos e netas.  Xa sabedes, que ás avoas lles encanta presumir!

Contan que o pasatempo favorito de Casilda era baterse en duelo con outras avoas, que tamén axitaban cadernos nas súas mans, como se fosen trofeos.

Ela, que non puidera ir á escola, tiña agora descendencia que estudiaba. Eran as persoas máis listas do mundo mundial. Algo así, tiña que ser voceado!

“morrerlle a un a avoa, non ter avoa ou ser o galo da avoa” 
Expresión coloquial que se usa para censurar a quen se gaba moito

Seique unha persoa non ten avoa, cando fala arreo do marabillosa, guapa ou intelixente que é.

Iso de botarse flores, non está ben visto.  Chámase soberbia e é un dos pecados capitais. E contra soberbia, humildade, di o catecismo.

Pois ben, parece que a humildade non estaba no “mapa” dun notario do Saviñao, de cuxo nome non me quero lembrar.

Eu mesma dou fe de que, na redacción dun testamento, escribiu literalmente:

En el lugar de Serpentina, parroquia de San Vicente de los Castillones, ayuntamiento de Pantón, siendo las doce del día veintisiete de noviembre de mil novecientos cinco:  ante mí Don Francisco Mourenza Montero, notario público por oposición con clasificación de sobresaliente, perteneciente al Ilustre Colegio Notarial de Lugo y a la notaría de Saviñao, donde tengo mi residencia …”
Fonte: Protocolos notariais de Pantón. Arquivo Histórico de Lugo

Sí. Estades a ler ben.

Don Francisco, cando foi mandado chamar para darlle validez xurídica á declaración de últimas vontades dun veciño do Saviñao, fixo algo insospeitado.

O señor notario quixo que constase en acta a notaza que sacara na oposición de acceso á carreira. Está claro, que este home non tiña avoa.

Pregúntome, a quen ía dirixida a súa mensaxe.

 

[ Do blog Bisagras de Papel ]

+ posts

ÚLTIMAS

Récord histórico de matrícula no curso 2025-2026 na UNED de Lugo

O centro asociado da UNED en Lugo pechou o segundo prazo de matrícula do...

O PP aproba no Senado unha iniciativa para a rehabilitación do mosteiro de Vilar de Donas

O PP fixo uso da súa maioría absoluta no Senado para aprobar unha iniciativa...

Consideran “consistente” a declaración dunha das nenas que denunciaron un profesor por presunta agresión sexual

O xuízo contra o profesor de música de Albeiros acusado de agresión sexual a...

O PSOE de Baralla denuncia a falta de médicos no centro de saúde e a inacción do PP

O PSdeG de Baralla denuncia novamente a grave situación sanitaria que sofre o municipio...