PARQUE EÓLICO DE BARJAS
O primeiro dos parques ao que fai referencia é o de Barjas, que pretende instalar 22 aeroxeradores cunha potencia total de 121 MW e as súas liñas de evacuación nos concellos de Oencia, Trabadelo e Vega de Valcarce (León) e Barco de Valdeorras, Petín e Vilamartín de Valdeorras. Diante disto, o SLG “interpela o Consello Científico de Parques Nacionais e o órgano reitor da Reserva da Biosfera de Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá para que solicite informe ao Consello Científico da Unesco”.
Segundo recollen no comunicado, o Parque Eólico de Barjas afecta “de maneira severa” á Rede Natura e, en concreto, ás zonas de especial conservación (ZEC) de Ancares-Courel, Ribeira do Sil e afluentes e Macizo Central; á Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; e á futura Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e Courel, cuxa candidatura está a piques de ser aprobada pola Unesco e podería ficar comprometida por este proxecto enerxético.
PARQUE EÓLICO PENA DO FURCO
O SLG tamén interpelou aos ditos consellos científicos sobre o Parque Eólico Pena do Furco, promovido por Enel Green Power, que pretende instalarse no concello de Becerreá e contempla erguer sete aeroxeradores. A maiores, solicitan igualmente informes sobre o Parque eólico Hépotas II, en Muras, concello que forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Trátase dunha ampliación con 2 aeroxeradores do proxectado parque eólico Hépotas, que xa contemplaba a instalación doutros catro no proxecto inicial. Unha situación que “delata a fragmentación dun mesmo proxecto para eludir trámites e obrigas ambientais e administrativas”, asegura o sindicato.
“Hai unha afección moi severa e incompatible coas zonas húmidas Tremoal e Brañas da Gañidoira, ambos pertencentes ao complexo de turbeiras e uceiras do Xistral”. Tamén terá repercusións, indica o SLG, sobre especies ameazadas como a tartaraña cincenta, a gatafornela ou o voitre; e especies vulnerables como a salamántiga rabilonga, o sapo raxado, a ra ibérica, a píntega, o escáncer, o lagarto arnal, o aguaneiro e morcegos, entre outras.
PARQUE EÓLICO DE VILACHÁ
PARQUE EÓLICO DE PENA OMBRA
Finalmente, dende o SLG tamén denuncian o Parque Eólico de Pena Ombra, situado nos concellos de Guitiriz, Curtis e Sobrado dos Monxes e, polo tanto, dentro das Reservas da Biosfera Terras do Miño, pola banda lucense; e Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, na provincia veciña. O Parque Eólico de Pena Ombra está promovido por Greenalia Wind Power e contempla a instalación de dez aeroxeradores que alcanzarán unha altura de 180 metros na parte máis alta do diámetro do rotor. Estarán situados na área de reserva da Serra da Cova da Serpe, proposta para ampliación da Rede Natura.