O xerente da área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, confirmou que para este martes foron citadas para a vacinación fronte á Covid-19 “as últimas persoas maiores de 80 anos” da provincia luguesa.
En declaracións este martes, Ares explicou que esta xornada se vacinará a estes maiores nos tres hospitais da provincia: o HULA, o hospital de Monforte e o da Mariña en Burela. Ares apelou a que este tramo de idade resulta “moi importante, é o máis exposto e con maiores factores de risco”. “É un paso moi importante na estratexia de cobertura da poboación e na loita contra a pandemia”, resolveu.
Así as cousas, apuntou que só quedarían por inmunizar “aqueles que non se puideron desprazar e que hai que ir aos seus domicilios, e isto leva un pouco máis de tempo porque o ritmo de vacinación é menor ao ter que desprazarse casa a casa”. “Aos poucos iremos cubrindo a estas persoas, e quedarían aqueles que por algunha incidencia, porque non responderon á chamada ou porque tiñan dúbidas, pero farase unha repesca para tentar completar a vacinación”, comprometeu.
Respecto diso, comentou que se trata da primeira dose, aínda que xa “máis do cincuenta por cento” recibiron tamén a segunda, abundou.
VACINACIÓN MASIVA
Así mesmo, o xerente avanzou que na tarde deste martes tamén se comeza coa “vacinación masiva” nas idades comprendidas entre 60 e 65 anos coa AstraZeneca, ata chegar ás 7.100 persoas que serán convocadas nos tres hospitais entre este martes e “mañá (mércores) pola tarde”.
Ramón Ares defendeu a “importancia” de pórse a vacina e “vacinarse” porque “é a mellor ferramenta para loitar contra a pandemia“, e así destaca que “a incidencia entre maiores de 80 anos baixou e tamén baixaron os ingresos hospitalarios”.