A Policía Local de Lugo interceptou un condutor sen carné que ía sen máscara cando levaba a dúas persoas non conviventes mentres saltaba o peche perimetral sen ter causa xustificada para estar na cidade luguesa.
Segundo relatou a Policía Local, nun dos controis realizados na tarde do martes 9 de febreiro para cumprir a normativa Covid-19 efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio interceptaron un turismo cuxo condutor carecía de permiso pola perda total dos puntos. Debido a iso instruíronse dilixencias por un delito contra a seguridade viaria na modalidade de xuízo rápido.
Ademais, comprobouse que este condutor entrara no municipio de Lugo procedente doutro termo municipal “sen causa xustificada”, destacaron as mesmas fontes, polo que foi denunciado por infracción á Lei de Saúde de Galicia e proposto para sanción de 500 euros.
Tamén foi denunciado por atoparse no interior do vehículo con outras dúas persoas non convivientes, o que supón outra multa de 500 euros, así como por non utilizar a máscara de protección obrigatoria, con multa de cen euros.
A Policía Local lembra que o delito por conducir a pesar da perda total dos puntos está castigado no Código Penal con pena de prisión de tres a seis meses ou coa multa de 12 a 24 meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días.
OUTRAS DENUNCIAS
Por outra banda, noutros controis levados a cabo para velar polo cumprimento das medidas para frear a Covid-19, a Policía Local tramitou outras seis denuncias, tres delas por incumprimento das condicións para a permanencia de grupos de persoas, “ao detectar non conviventes”, polo que se propuxeron para sanción de 500 euros.
A estas súmanse dúas actas de denuncia por non facer uso da máscara de protección, o que supón unha sanción de cen euros; e outras por entrar no termo municipal de Lugo sen causa xustificada.
OUTRO CONDUTOR DENUNCIADO
Así mesmo, foi identificado outro condutor por infracción á Lei de Seguridade Cidadá por “desobediencia e falta de respecto e consideración aos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións”. Neste caso foi proposto para sanción de entre 601 e 30.000 euros e elevada a denuncia á Subdelegación do Goberno como órgano competente, indicou a Policía Local.