A área sanitaria de Lugo rexistra este luns 30 de novembro un descenso no total de casos activos por coronavirus: son 951, 16 menos ca os contabilizados onte. Segundo o reconto ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), tamén minguan os casos diarios: nas últimas 24 horas confirmáronse 24 novos positivos a través de PCR.
Con todo, esta baixada nos casos non se traduce nunha menor presión asistencial, senón que a cifra de ingresos pasou dos 39 de onte aos 44 deste luns. O Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) atende catro pacientes na UCI (sen variacións) e 30 en planta (+5); o da Mariña conta sete (=); e o de Monforte, 3 (=).
Ademais, no día de onte o Sergas notificou o falecemento dunha nonaxenaria usuaria da residencia de Vilalba que permanecía ingresada no HULA con coronavirus. Desta maneira, xa son 122 as vítimas mortais na área sanitaria de Lugo dende o inicio da pandemia.
Por outra banda, ata o momento curáronse 5.163 pacientes e fixéronse 103.102 PCR, o que implica que na última xornada se realizaron 718 probas.
GALICIA
Sanidade informa de 238 novos casos confirmados en 24 horas a través de PCR na comunidade galega, o número máis baixo dende mediados de outubro. Non obstante, tamén medran as hospitalizacións: das 469 de onte ás 484 de hoxe, aínda que hai tres pacientes menos que requiren coidados intensivos (78).
Galicia xa lamenta o pasamento de 1.205 persoas por mor do coronavirus trala notificación doutras doce novas vítimas no día de onte.