InicioMedioambiente e PatrimonioUn paseo pola Muralla para celebrar os seus vinte anos como Patrimonio...

Un paseo pola Muralla para celebrar os seus vinte anos como Patrimonio da Humanidade

A Xunta anuncia un plan director para a conservación deste monumento. Os orzamentos para 2021 xa contemplan máis dun millón de euros para traballos vinculados á infraestrutura

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Muralla Romana de Lugo fará mañá 20 anos como monumento Patrimonio da Humanidade. O 30 de novembro do ano 2000, a Unesco fixera público este recoñecemento á fortificación, a mellor conservada en Europa da súa época. Así, na mañá deste domingo, diversos representantes da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo uníronse nun paseo pola Muralla para conmemorar a data.

No encontro participaron a alcaldesa da cidade, Lara Méndez, ou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, entre outros. Este último anunciou que a Xunta porá en marcha un plan director para establecer as liñas de conservación da Muralla durante os próximos anos. Os orzamentos do 2021 xa recollen a redacción desta folla de ruta.

Como proba do compromiso do que presume a Xunta respecto da Muralla, o conselleiro concretou que este novo plan inclúe unha achega de máis dun millón de euros para actuacións vinculadas coa Muralla que se executarán ao longo do 2021. Entre os traballos previstos, están a restauración dos lenzos dos cubos XXX e XXI e a mellora da planificación da conservación, mantemento e limpeza.

UNHA MURALLA DO “DÍA A DÍA”

Durante a camiñada, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, agradeceu ao conselleiro este plan para “seguir potenciando esta xoia” que os lucenses teñen e “comparten co resto do mundo”. De feito, a rexedora destacou á Muralla como un “elemento vivo, un elemento máis da cidade”: “Máis aló dos turistas, que son moitos os que veñen, os lucenses gózana no seu día a día”.

Méndez lembrou o “fito” que supuxo que hai 20 anos este ben, que dá unha “delimitación única” á zona histórica da cidade, fora declarado Patrimonio Mundial. O obxectivo agora, engadiu a alcaldesa, é conseguir que “todo o casco” conte tamén con ese distintivo por parte da Unesco.

O 30 de novembro é así mesmo o día que o Concello de Lugo, con motivo desta efeméride, adoita outorgar a Medalla de Ouro da cidade, que este ano recoñece a todos os colectivos esenciais que “estiveron a pé de canón” durante a pandemia da covid-19.

Con todo, a cerimonia de entrega non será este luns, como correspondería, senón que se posporá ata que se poida celebrar, porque “merecen un recoñecemento público á altura das circunstancias”, dixo Méndez.

CAMPAÑA #ANOSAMURALLA

Pola súa banda, a Xunta conmemora a efeméride da declaración de Patrimonio da Humanidade coa campaña ‘#ANosaMuralla’, un proxecto que sitúa “os lucenses como protagonistas e, en parte, artífices de alcanzar e manter” esta distinción desde o ano 2000.

Entre as iniciativas atópase unha canle de Youtube habilitada para a ocasión que emite diferentes felicitacións por estes 20 anos da man de personaxes de distintos ámbitos da sociedade da urbe. Todos aqueles que queiran participar poden subir os seus vídeos, cunha duración máxima dun minuto, a través da plataforma ‘anosamuralla.wetransfer.com‘.

Á parte de felicitacións, a canle emite historias e anécdotas doutros personaxes desde o punto de vista deportivo, artístico, arqueolóxico, teatral, literario ou mesmo máxico.

ÚLTIMAS

Os túneles de Doncos e Cereixal, na A-6, permanecerán cortados durante tres noites esta semana por obras

O Ministerio de Transportes realizará cortes de tráfico durante as noites deste martes, mércores e xoves...

O TSXG suspende de forma cautelar as autorizacións para construír tres parques eólicos en Lugo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou a suspensión, de forma cautelar, das autorizacións...

A Deputación de Lugo desbrozará 4.200 quilómetros de estradas en mes e medio

A Deputación de Lugo comezou este luns os traballos de roza nos máis de 4.200 quilómetros de...

Detido un mozo en Lugo acusado de roubo ao ser sorprendido no interior dunha vivenda e encapuchado

Un mozo foi detido en Lugo sorprendido mentres, supostamente, roubaba nun domicilio particular do...