A Deputación de Lugo aprobou este venres, na xunta de goberno, investimentos por 4,3 millóns de euros, dos que máis de 3,5 destinaranse ás residencias de maiores de Pedrafita e de Castroverde (máis de dous millóns), ademais de adxudicar a de Portomarín con 13 pisos tutelados e un centro de día por 1,4 millóns de euros.
O presidente da Deputación provincial, José Tomé, compareceu tras a reunión semanal do executivo provincial acompañado da portavoz socialista do goberno provincial, Pilar García Porto. Así, destacou que eses investimentos de 4,3 millóns de euros “están repartidos por toda a provincia”. “Co que seguimos co obxectivo de favorecer o equilibrio territorial e a igualdade de oportunidades de todos os veciños da provincia vivan onde vivan”, abundou.
En canto ás residencias, puntualizou que se aprobou “licitar a prestación pública do centros de maiores de Castroverde e de Pedrafita por un importe que supera os dous millóns de euros, en dous anos”.
“Neste contrato inclúense os servizos de cociña, de limpeza e asistencia básica para os dous próximos anos. En Castroverde o orzamento base de licitación é de 1.086.000 euros e a duración vai ata xuño de 2022, e no caso de Pedrafita é tamén por dous anos e o orzamento é de 1.021.000”, debullou.
A contratación destas “prestacións” é xa “o último paso administrativo para poder abrir estas residencias”, sinalou. “E estariamos en disposición de facelo este ano, como temos comprometido e se non é a final deste ano será a principios do que vén a condición de que a pandemia evolucione favorablemente e permita a apertura destes dous centros”, comentou.
Ademais, Tomé avanzou que se aprobou “a adxudicación das obras da construción da residencia de Portomarín, por un importe de 1.430.000 euros”.
ATRASO
O edificio de Portomarín “incluirá 13 apartamentos tutelados e un centro de día”, explicaron. “O proceso de contratación viuse atrasado por motivos que non tiveron que ver coa Deputación de Lugo porque a empresa que foi inicialmente adxudicataria deste contrato renunciou e foi necesario retrotraer o procedemento para adxudicala á empresa que quedara en segundo lugar“, pormenorizou.
Tamén na xunta de goberno provincial acordouse destinar 120.000 euros para a produción ‘O Sabor das Margaridas’, cuxa segunda tempada ten como escenarios lugares da provincia de Lugo. Tomé destacou que esta “produción”, cuxa tempada chegará en breve a Neftlix, servirá para “unha proxección nacional e internacional da provincia”.