InicioSociedadeA Deputación pide á Xunta que asuma o control sanitario na Mariña...

A Deputación pide á Xunta que asuma o control sanitario na Mariña porque os concellos non teñen medios

O presidente da Deputación de Lugo subliñou que o xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu de forma reiterada ao Goberno central "a recuperación de competencias" e, "agora que as ten, nin comparece nin dá explicacións". Ademais, acusouno de "esconderse detrás do conselleiro de Sanidade", Jesús Vázquez Almuiña.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, esixiu este luns á Xunta que asuma todas as competencias en materia de sanidade na Mariña lucense e controle as medidas de illamento impostas na zona a raíz do brote de coronavirus, xa que os municipios, sinalou, “carecen de medios”.

Así o dixo durante unha rolda de prensa convocada para informar o resultado da videoconferencia mantida cos alcaldes da Mariña tras o peche do perímetro decretado pola Xunta durante, polo menos, cinco días.

Durante o encontro, celebrado a petición dos municipios, os rexedores mostraron “a súa preocupación” polas competencias “que a Xunta manda asumir aos concellos” en materia sanitaria a causa do brote, segundo criticou José Tomé.

En concreto, o presidente provincial indicou que o decreto atribúe “a vixilancia e inspección” das medidas establecidas aos municipios, o que, para José Tomei “xera unha gran alarma e preocupación nos alcaldes”, xa que “moitos concellos carecen de medios técnicos, humanos e económicos para exercer estas competencias”, sobre todo “sen ter os datos das persoas infectadas”.

O presidente da Deputación de Lugo subliñou que o xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu de forma reiterada ao Goberno central “a recuperación de competencias” e, “agora que as ten, nin comparece nin dá explicacións”. Ademais, acusouno de “esconderse detrás do conselleiro de Sanidade”, Jesús Vázquez Almuiña.

José Tomé afirmou que a lei de Saúde Pública non dá competencias aos municipios, “porque non é competencia dos concellos o tratamento das persoas en materia sanitaria”, indicou. Con iso, só poderían asumir as competencias delegadas “sempre e cando acrediten poder executar plenamente as funcións en materia de saúde“.

CONSULTA AOS SERVIZOS XURÍDICOS

A Deputación de Lugo atendeu a solicitude dos alcaldes e consultou cos servizos xurídicos do ente provincial as súas posibilidades, xa que “poden incorrer nalgunha responsabilidade penal”.

Ante esta situación, e en base ás recomendacións xurídicas, José Tomé deu catro alternativas aos alcaldes a este respecto: emitir un bando “instando os veciños a que cumpran a orde da Xunta”, remitir un escrito a Sanidade “manifestando que non teñen posibilidade de executar as competencias”, pedir á Xunta que “poña todos os medios dos que carecen os concellos” á súa disposición ou, finalmente, “acudir á vía contencioso administrativa”, algo que viu “pouco viable” debido aos prazos xudiciais.

O presidente da Deputación de Lugo dixo que “dez dos catorce alcaldes” do distrito sanitario manifestaron “a súa indignación co que establece a orde do DOG” e reclamou que o presidente da Xunta “vaia á Mariña para estar cos alcaldes e cos veciños”.

José Tomé lembrou que “a saúde está por encima de todo”, por encima “dos votos”, aínda que admitiu que a situación “pode incidir no resultado electoral”, xa que a xente “ten medo”. Finalmente, o presidente provincial acusou á Xunta de non “mostrar os datos dunha forma transparente”.

ÚLTIMAS

Acepta ano e medio de prisión por insultar, acosar e ameazar a unha parella homosexual da cidade

Un home acusado de insultar, acosar, amedrentar e ameazar de morte a unha parella...

O PP oponse a rexeitar o proxecto de Altri, como pide o BNG

O Partido Popular opúxose este martes a rexeitar o proxecto de planta de celulosa de Altri...

A Deputación de Lugo reivindica o seu modelo de residencias de maiores

O responsable de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón,...

Detido un home en Lugo tras ameazar e tratar de agredir aos axentes que interviñeron

Axentes da Policía Local detiveron en Lugo a un home que os ameazou e...