InicioEconomíaLugo triplica o plan anual de subvencións, ata os 7 millóns, para...

Lugo triplica o plan anual de subvencións, ata os 7 millóns, para afrontar a crise económica e sanitaria

Este plan estratéxico de subvencións "concentra case o 8 por cento do orzamento total municipal".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O goberno local de Lugo triplicará este ano o seu plan estratéxico de subvencións, ata os máis de 7 millóns de euros –o 8 por cento dos orzamentos municipais–, para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da pandemia do coronavirus.

Trátase de actuar ante unha “crise sanitaria mundial sen precedentes, que esixe das administracións unha capacidade de acción e reacción á altura das circunstancias para amortizar a pegada negativa que orixine”, explica a alcaldesa, Lara Méndez.

Segundo as súas palabras, o Consistorio tentará “arroupar o sector produtivo e empresarial” da cidade “co obxectivo fixado na conservación dos postos de traballo” e “na estabilidade salarial das familias”.

Por iso, o goberno local informará no próximo pleno extraordinario da aprobación deste plan estratéxico de subvencións que, cunha dotación total de máis de 7 millóns, “concentra case o 8 por cento do orzamento total municipal”.

“Pon de manifesto a importancia que este executivo lle dá non só ao papel que exercen todas estas entidades senón tamén ao que desempeñarán a partir deste momento como apoio indispensable dos veciños para remontar o confinamento”, subliña Méndez.

O groso do montante do plan destinarase ao plan ‘Reanima’, con máis de 2 millóns de euros para “garantir a actividade do tecido asociativo” municipal.

Neste sentido, o Concello destaca que a área de Benestar disporá de máis de 1 millón de euros para colaborar con asociacións e ofrecer axudas directas para o aluguer ou á emerxencia social.

O BNG DOA 5.000 EUROS

Por outra banda, os cinco concelleiros do BNG en Lugo, que forman parte do goberno xunto ao PSOE, doaron un total de 5.000 euros á asociación Aliad-Ultreia para “axudar a mulleres en situación de risco”.

O tenente de alcalde, o nacionalista Rubén Arroxo, explicou que se trata dun colectivo lucense “de recoñecida traxectoria no labor social ao longo dos anos”, polo que esta partida –1.000 euros por edil– poderá cubrir necesidades das mulleres “máis desprotexidas”.

“Hai situacións excepcionais, como é o caso desta pandemia, onde todas as achegas son importantes e necesarias”, sentenciou Arroxo.

ÚLTIMAS

Un proxecto de larvas de mosca para usos agrarios e animais, novo proxecto industrial estratéxico en Palas de Rei

O Goberno galego analizou este luns o acordo polo que se declara proxecto industrial...

Buscan un menor migrante desaparecido do centro de acollida de O Malvarón en Monforte de Lemos

Desde este domingo, as forzas de seguridade buscan a un mozo migrante menor de...

Collen a varios vehículos a máis de 200km/h tras participar en carreiras ilegais na A-6 en Outeiro de Rei

A Garda Civil culminou un dispositivo especial de vixilancia imputando en calidade de investigados...

Lugo Monumental leva á UE a peonalización do centro: “Mala xestión, danos e máis de 100 comerciantes feridos”

O presidente de Lugo Monumental, Luís Latorre, expuxo, ante a Comisión de Peticións da...