InicioOpiniónDía 34 de corentena: as aldeas, despois de todo isto

Día 34 de corentena: as aldeas, despois de todo isto

"Cando esta pandemia remate, as aldeas galegas van volver repoboarse". A min cústame caro crelo. Os que fuxiron das cidades van volver para acolá, para as súas casas en Lugo, na Coruña ou en Madrid. Aquí, hai outros virus que xa nos comían antes: a falta de servizos, as políticas furadas de apoio ao rural...

PUBLICADA O

- Advertisement -

O último piso no que vivín en Compostela era minúsculo. Un piso de estudantes con pouca luz, pouco espazo e cun diminuto anaco de ceo visible dende a ventá. Gárdolle agarimo a aquela casa, pero por nada do mundo me querería ver alí durante esta corentena. Hai paredes que pechan máis ca outras. 

As cidades e edificios que parecen pensados para as necesidades do traballo, en vez de para as da vida, vólvense agora máis inhumanos se cabe. As desigualdades en torno á vivenda, dereito fundamental, incrementan a vulnerabilidade e imposibilidade dos de sempre: “Non é o mesmo vivir este momento de incerteza económica e laboral nunha casa en propiedade sen pagos pendentes que nun piso en alugueiro ou cunha hipoteca por amortizar”, en palabras de Iago Lestegás, arquitecto e doutor en Urbanismo.

A FALTA DE SERVIZOS, O VIRUS DO RURAL

Eu, mentres escribo isto, teño a fiestra do cuarto aberta. Escoito piar os paxariños, vexo a aldea toda, case podo traspasar esas paredes. E recoñézome afortunada“Cando esta pandemia remate, as aldeas galegas van volver repoboarse”, dicía estoutro día nunha entrevista ao Lugo Xornal a neurocientífica Sonia Villapol (Bretoña – A Pastoriza). A min cústame caro crelo.

A memoria ás veces funciona a curto prazo e dubido que as nosas mentes  reteñan as bondades do rural máis alá desta pandemia que paraliza as urbes. Os que fuxiron das cidades van volver para acolá, para as súas casas en Lugo, na Coruña ou en Madrid. E quedarán os que xa estaban. Serán eles e elas, e non moitos máis, as que desfruten da calma da natureza, de andar polo monte, de comer produtos directos da terra.

Pero é que tamén van ser eles, os veciños desas aldeas, os que teñan que aturar a falta de servizos, a deficiencia de conexións e comunicacións, as políticas furadas de apoio ao rural. Por moita pandemia que veña, hai virus que xa nos comían antes. As aldeas galas —mirade como as retrata a compañeira Uxía Iglesias nun proxecto precioso!— non sei canto van resistir. Quen vai quedar aquí, nesta aldea, dentro de vinte anos?  Quen son os que miran dela?


[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’ conxunto que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]

+ posts

ÚLTIMAS

Candia e a tránsfuga Reigosa presentan a moción de censura

A moción de censura que arrebatará o goberno de Lugo ao bipartito de PSOE...

Moción de censura: O goberno local aluda á “indignación popular” contra a moción do PP

A presidenta provincial do PP de Lugo e portavoz municipal na cidade, Elena Candia,...

María Reigosa non se presentará á praza de Litoral que vinculan ao seu apoio á moción de censura

A edil exsocialista do Concello de Lugo María Reigosa asegurou que non se presentará...

A Deputación inviste en Meira máis de 200.000€ para as obras en tres estradas

A Deputación vén de iniciar as obras de mellora do firme en tres estradas...