Home Lugo e contorna Os avogados de Lugo ven “máis urxente” un novo Xulgado do Social ca un de Violencia de Xénero

Os avogados de Lugo ven “máis urxente” un novo Xulgado do Social ca un de Violencia de Xénero

0
Os avogados de Lugo ven “máis urxente” un novo Xulgado do Social ca un de Violencia de Xénero
Protesta pola constitución dun cuarto Xulgado do Social en Lugo | CIG

O decano do Colexio de Avogados de Lugo, Félix Mondelo, volveu a pór de manifesto este xoves a necesidade dun novo Xulgado do Social ante o colapso dos tres que funcionan na cidade. A pesar de que se dispuxo dun “reforzo”, Mondelo advertiu de que iso “non chega a nada”. “Non damos actualizado os asuntos que entran”, subliñou.

Os sinalamentos para “2022 ou mesmo 2023” refírense a despedimentos —aínda que nalgúns casos “teñen un tratamento diferente”— ou “recoñecemento de xubilacións e pensións que afectan ao día a día de moitas persoas”, abundou.

Este “inconveniente”, manifestou, non só afecta os traballadores, senón que tamén prexudica “a empresas, porque de pagar un despedimento a pagalo con intereses dous ou tres anos despois hai unha boa diferenza”. “É prioritario a creación dun novo xulgado do social”, reiterou.

SEGUNDA VITIMIZACIÓN DAS MULLERES

Félix Mondelo asegurou que “é máis urxente arranxar a xurisdición Social en Lugo que o Xulgado de Violencia de Xénero, que expón serias dificultades, sobre todo para as maltratadas da provincia porque terían que desprazarse a Lugo e sería como unha segunda vitimización”.

“Incluso o xuíz de violencia de xénero non é partidario de que se estableza un xulgado para este tema en Lugo”, continuou Mondelo. “O cociente de asuntos de violencia de xénero tampouco está dentro dos parámetros que manexa o Consello Xeral do Poder Xudicial”.

+ posts