InicioCulturaOs veciños do Corgo, "moi orgullosos" da súa paisana Benedicta Sánchez logo...

Os veciños do Corgo, “moi orgullosos” da súa paisana Benedicta Sánchez logo de ver ‘O que arde’

O Concello ofreceu entradas de balde como homenaxe a unha actriz que "arrastra o nome do Corgo por todas partes". Á cita acudiron uns 120 corgueses, entre os cales estaba a propia Benedicta Sánchez. "Eu non podía imaxinarme tal", dicía, respecto do agarimo recibido. Os seus veciños louvan a súa interpretación e aseguran sentirse reflectidos coa historia.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Máis dun centenar de veciños e veciñas do Corgo achegáronse este 2 de xaneiro ás salas Codex Cinema de Lugo para visionar o filme ‘O que arde’, protagonizado pola súa paisana Benedicta Sánchez. Convidados polo Concello, que dispuxo un autobús para facilitar a asistencia, os corgueses saíron do cine “moi orgullosos” de que alguén os represente “así de ben” na gran pantalla.

O goberno local ofertou esta excursión e a entrada gratuíta para “demostrar o cariño e afecto” que lle teñen a Benedicta Sánchez. “Ter unha personaxe coma ela, que arrastra o noso nome por todas partes… Iso hai que agradecelo”, dicían dende o Concello. O alcalde do municipio, Felipe Labrada, que tamén acompañou os veciños nesta viaxe, destacou a “sinxeleza” da actriz. “Véndoa na pantalla e véndoa a ela na realidade, eu recoñézoa perfectamente”, sostivo.

BENEDICTA, SOBRE AS HOMENAXES: “EU NON PODÍA IMAXINARME TAL”

En total, unhas 120 persoas do Corgo acudiron esta tarde á proxección de ‘O que arde’. Entre elas, tamén estaba a propia protagonista do filme, Benedicta, que se desfacía en boas palabras cara ás súas xentes. “Polo amor de Deus!, eu xa non sei que facerlles! Son demasiado…”, ría ela. “Eu non podía imaxinarme tal. Sempre digo que se eu salvase vidas…, se eu apagase o lume… Iso fano eses muchachos que se poñen diante dun incendio real. Eu non!”

“Gustoume, porque cando eu traballaba no campo tamén sufrín incendios algunha vez”

Benedicta Sánchez coida que cantas máis veces ve o filme, “máis contido” lle atopa. “Entro máis no que quixeron transmitir. Cada vez vou valorando máis a mensaxe”, explica. Tamén os propios veciños louvaron a película, en cuxo remate fixeron soar un aplauso vibrante. “Gustoume, porque cando eu traballaba no campo tamén sufrín incendios algunha vez”, contaba unha señora. “Non somos da zona exacta onde se rodou, pero no Corgo tamén temos relación co lume. Impresiona un pouco”, engadía outro corgués, que confesaba sentirse identificado coa historia. Xa o dicía o rexedor municipal, en referencia a ‘O que arde’: “É un espello do que pasa no mundo rural”.

En canto á interpretación de Benedicta Sánchez, as opinións duns e outros coinciden: “É unha marabilla! Encantoume como o fai“. “E Amador [Arias] igual! Con poucas palabras, faino xenial”, agregaban.

O NOME DE BENEDICTA SÁNCHEZ NO CENTRO DE DÍA

O goberno local propoñerá que o centro de día do Corgo adopte o nome de Benedicta Sánchez

Dende o Concello, valoran moi positivamente a acollida que tivo esta actividade entre os cidadáns. “A xente respondeu moi ben a pesar de que a película xa leva un tempo en carteleira e moitas persoas xa a viran. Nestas datas sempre hai ocupacións: as matanzas, as festas…, pero aínda así animáronse moitos!

A de hoxe non foi a única homenaxe que lle fixeron no Corgo á súa veciña Benedicta Sánchez. Hai unhas semanas, convidárona ao centro de día municipal para conversar cos maiores acerca de “como se pode levar a idade dunha maneira tan digna coma ela”. De feito, o equipo de goberno propoñerá nun pleno que o centro de día leve o nome desta actriz que, á súa vez, tamén leva o nome do Corgo alá por onde vai.

Benedicta Sánchez: a vida de película desta muller do Corgo antes de ser unha estrela en Cannes

ÚLTIMAS

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes 2024

A produtora cinematográfica Chelo Loureiro e a xerenta da Rede Museística Provincial de Lugo,...