InicioSucesosUn camareiro rouba diariamente no bar no que traballaba ata xuntar 15.000...

Un camareiro rouba diariamente no bar no que traballaba ata xuntar 15.000 euros

O propietario puxo cámaras de seguridade "en todos os recunchos" do local para pillalo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Axentes do Corpo Nacional de Polícia (CNP) imputaron por un delito de furto a un veciño da cidade de Lugo como sospeitoso da desaparición de 15.000 euros no local de hostalaría no que traballaba como camareiro, na zona de Augas Férreas, na propia capital lucense.

A desaparición do diñeiro foi denunciada polos propietarios do negocio o pasado 14 de novembro, aínda que os feitos se produciron en realidade entre os meses de abril e novembro, coa desaparición duns 10.000 euros no establecemento e o furto de 5.000 euros que estaban gardados nun sobre na oficina do local.

Para facerse con ese diñeiro, segundo aparece reflectido nas cámaras de seguridade do establecemento, o sospeitoso “non marcaba na caixa rexistradora as consumicións que servía”, de modo que á “hora de cobrar”, o camareiro supostamente quedaba esas cantidades para si.

Co ánimo de non levantar sospeitas, sosteñen os investigadores, facía “o paripé diante da caixa rexistradora”, porque mentres “suxeitaba o diñeiro para cobrar cunha man, coa outra manipulaba a máquina para que dese a impresión de que realmente estaba a cobrar as consumicións.

Noutras ocasións, precisa a Comisaría Provincial nun comunicado, o sospeitoso supostamente “borraba do rexistro importes de consumicións que xa estaban anotadas, para así poder retirar” esas cantidades “no seu beneficio”.

Para dar coa persoa que estaba a realizar eses “desfalcos”, o “denunciante puxo cámaras de seguridade en todos os recunchos” do local e comprobou que os “furtos se producían a diario”. Así, tamén puido comprobar que o sospeitoso entrou na oficina do local, cunha chave que tiña, e se fixo cun sobre que contiña 5.000 euros.

Por outra banda, os investigadores do caso tamén lograron esclarecer outro furto que ocorreu o pasado mes de xuño no lugar onde o sospeitoso ten o seu domicilio, no que desapareceran 10.000 euros que estaban gardados nunha caixa de caudais.

As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Garda.

ÚLTIMAS

Senadores do PP critican que o Goberno “deixe descolgada” a Lugo en materia de proximidade ferroviarias

Os senadores do PP lucense, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano,...

Deteñen a un traballador dun centro comercial de Lugo por usar os datos de clientes para as súas compras

A Policía Nacional detivo en Lugo a un empregado dun centro comercial da cidade...

Revés xudicial ao Concello de Lugo: o TSXG estima o recurso presentado por CC.OO. polos pregos do programa ‘Aprende Xogando’

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estima o recurso presentado por Comisiones...

Lugo, ás portas de ser sede da Axencia Estatal de Saúde Pública: o PPdeG reclama apoios e denuncia o “desprezo” de Sánchez a Galicia

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos Couñago, avanzou este xoves que os...