Os colexios e institutos son uns dos principais sitios de socialización da rapazada. Neles aprenden, erran, xogan, estudan, enfádanse, medran como persoas, tecen relacións afectivas… Constitúen o lugar onde case todo comeza: alí, como nas súas casas, asentan as bases para construírse a si mesmos. Para que máis adiante non aparezan gretas e fendeduras nesa sociedade que van armando, é esencial traballar con materiais e valores de calidade: a tolerancia, o respecto, a igualdade, o feminismo. Por eses camiños andan as comunidades educativas de Lugo. Nunha semana tan chea de reivindicacións a fío do 25-N, falamos con varios colexios e institutos para coñecer como abordan eles estas cuestións.
O Día Internacional contra a Violencia de Xénero aparece nos calendarios escolares como unha data a ter moi en conta á hora de configurar actividades para o alumnado. “Nós explicámoslles por que se escolleu o 25 de novembro para isto. Ás veces conmemoramos cousas sen saber o porqué”, sostén Livia Barreiro, xefa de estudos do CEIP de Palas de Rei. “Foi a data na que asasinaron as irmás Mirabal na República Dominicana. Contámoslles aos nenos a súa historia: quen foron, que defendían… É o primeiro que hai que saber!”
AS ACTIVIDADES DE CADA CENTRO
A partir de aí, toman forma o resto de actividades: murais, talleres, gravación de vídeos… No caso do colexio de Palas, por exemplo, elaborouse unha peza audiovisual que recolle as fortalezas que perciben os alumnos nas mulleres que os rodean. En ‘As bravas de Palas‘ —así se titula a gravación— participaron nais, avoas, mestras, amigas… A colaboración entre os membros da comunidade educativa é unha das constantes neste tipo de propostas.
A cooperación esténdese incluso fóra do propio colexio, ata o punto de crear proxectos interescolares. É o caso de ‘Equaliter‘, promovido polo CEIP Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín), e que consiste en gravar unha canción a múltiples voces: as de todas as nenas e nenos dos coles que se adheriron á actividade. “Cada vez son máis”, explican dende o CEIP.
No CEIP Veleiro Docampo, de Castro Ribeiras de Lea, conmemoraron o 25-N da man da contacontos Ana Carreira, que amosou unha versión diferente dos contos clásicos de príncipes e princesas. “O vindeiro luns tamén nos visitará o equipo feminino de rugby de Lugo. É un deporte moi invisibilizado e que se considera de homes, aínda que non é así”. Marián Fouce, coordinadora da biblioteca do centro, manifesta que esa é unha das principais metas do Veleiro Docampo: amosar o papel da muller no deporte. “En Castro hai bastante canteira de fútbol sala feminino, pero non sempre se nos dan a coñecer referentes”, di.
“todos contra a violencia de xénero dende diferentes idiomas”.
Tampouco o CEIP Paradai (Lugo) foi alleo ás reivindicacións do 25-N. A súa directora, Marta Castro, enumera unha chea de actividades que levaron a cabo durante os pasados días. Entre elas, destaca a ‘Colada da Igualdade’, na que as alumnas ‘sacaron a clareo’ e penduraron na parede libros que teñen que ver coa muller. Outras das accións tiveron como protagonistas a música ou os adxectivos estereotipados. Ademais, xa que o CEIP Paradai destaca pola súa diversidade cultural e lingüística, non deixaron pasar a oportunidade de amosarse “todos contra a violencia de xénero dende diferentes idiomas”.
No IES Santiago Basanta Silva (Vilalba) e no IES Lucus Augusti (Lugo) tamén traballaron arreo para este Día contra as violencias machistas. A rapazada, máis maior ca nos casos anteriores, implicouse en performances (como a creación dun ‘NON’ humano no instituto vilalbés), en obradoiros, actividades musicais ou mesmo na lectura de manifestos redactados por mans adolescentes.
A maiores, no caso do Lucus Augusti, púxose en marcha este ano un Observatorio de Igualdade dentro do novo Club de Letras. Alejandro Amieiro, orientador do IES, explica así cal é o seu funcionamento: “Estamos facendo un diagnóstico do centro. Realizamos un estudo sobre a distribución do alumnado nas aulas segundo o sexo; a presenza das rapazas en cada clase ou materia; o peso das mulleres na directiva; as asimetrías entre delegados e delegadas ou incluso entre os traballadores non docentes. Por exemplo, o 100% do persoal de limpeza son mulleres”. Aseguran que a resposta do alumnado foi “incrible, unha pasada”: o número de voluntarios que se sumaron a esta iniciativa superou por moito as súas expectativas.
UN TRABALLO DE FONDO: 365 DÍAS POLA IGUALDADE
A organización de todas estas actividades puntuais co gallo do 25-N non é incompatible, nin moito menos, cun traballo de fondo durante todo o ano. “Intentamos que o concepto de igualdade estea presente todos os días: cando xogan no recreo, cando comparten aula, cando forman parte dun grupo…”, dicía Marián Fouce, do CEIP Veleiro Docampo. O mesmo pensan os compañeiros do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, dende onde apostan por crear espazos de xogo inclusivos e adquirir bibliografía que aborde a temática da igualdade entre sexos e xéneros.
Tamén é importante a formación do equipo docente, aseguran. Saber afondar nestes asuntos en cada unha das etapas educativas é esencial. Livia Barreiro, do CEIP de Palas de Rei, defende que todos os nenos (tamén os de Infantil!) “teñen que saber a verdade do que pasa cando falamos de violencia”. Admite que non é un tema doado, pero “estamos no bo camiño”. “Haberá que adaptar a linguaxe e a maneira de contalo, pero é importante que o coñezan”, asevera. “A Educación Infantil é unha etapa crucial para formar persoas en igualdade e en non violencia”.
“Aínda queda moito traballo por facer”, coinciden todos, “pero xa vai prendendo a semente!” Adquirir conciencia sobre a problemática da desigualdade ha de servir para reter conceptos e ser quen de extrapolalos na vida diaria, sosteñen os docentes.
“Os currículos educativos están completamente masculinizados. As mulleres estamos invisibilizadas”
O PRIMEIRO PASO: MUDAR OS CURRÍCULOS EDUCATIVOS
Así e todo, nese camiño, queda unha eiva moi grande por suplir: “Os currículos educativos están completamente masculinizados. As mulleres estamos invisibilizadas”. Pénsao así Mar Carballo, profesora de Filosofía e de Coeducación no IES Lucus Augusti. Ela bota de menos que os libros de texto falen das mulleres e dos seus traballos. “Non se pode entender a Historia da Filosofía sen o feminismo!”, exemplifica. “Ignorar as mulleres fainos sentir inferiores. Quedamos con esa sensación de que os homes son mellores”, de que só eles son quen logran obxectivos transcendentes.
Así pois, vólvese imprescindible introducir estas cuestións ao longo de toda a vida académica. “Se non é así, teremos que desmontar mitos todo o tempo”. A educación como ferramenta para cambiar o mundo e o feminismo como resorte da revolución: ese é o camiño para nos construír como sociedade.