Os gobernos cambian, pero o patrimonio -e as súas necesidades- permanecen. Iso deben pensar na Asociación Socio-Cultural Lareira de soños dos Vilares. O colectivo pretende reunirse coas novas corporacións da Deputación de Lugo e do Concello de Guitiriz para lembrarlles o compromiso de restaurar as pinturas murais do século XVI.
A comisión de cultura do Parlamento Galego acordara en decembro de 2017 que a Xunta, a Deputación, o Concello e a Diócese de Mondoñedo-Ferrol deberían convir a fórmula definitiva para acometer as melloras nos frescos dos Vilares.
Con iso baixo do brazo, a Lareira solicitará reunirse coa alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e cos novos responsables da área de Cultura da Deputación Provincial. O seu obxectivo, din, é tratar de recuperar unhas pinturas “tan importantes” e sacalas da “lista vermella do patrimonio do estado” logo de repetidas demandas de solución por parte do colectivo.