InicioEconomíaO ocaso das grandes centrais térmicas de carbón do Noroeste

O ocaso das grandes centrais térmicas de carbón do Noroeste

Entre 2020 e 2030 serán desmanteladas as tres centrais térmicas de carbón que operan na comarca do Bierzo e no límite entre Lugo e A Coruña

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Goberno prevé pechar nove das catorce centrais térmicas de cárbon operativas en xuño de 2020. O titular xerou gran inquedanza en varias vilas do Bierzo, comarca que vive a cabalo entre a decadencia das instalacións máis vellas e novos proxectos de biomasa, e asemade na contorna das Pontes, onde está ubicada a maior central desta clase.

As Pontes: mensaxe de tranquilidade

A apenas trece quilómetros de Xermade, a central das Pontes de García Rodríguez é a instalación produtora de enerxía térmica máis grande de España, con catro grupos para 1470 MW. Este xigante quedará á marxe dos peches se continúa a cumprir co calendario de redución de emisións.

Endesa inviste na actualidade douscentos millóns de euros para igualar os estándares europeos. O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, aclarou con rotundidade que “vai seguir aberta porque cumpre a política enerxética europea e, ademais, está a facer obras para acomodarse á lexislación vixente”. Este extremo fora confirmado en xullo pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

Losada explicou que executivo central ten un compromiso por adaptar o modelo enerxético ás consecuencias do cambio climático. Nese senso, di que o Goberno “non ten decisión de cerrar ningunha central”, senón que “ten a decisión de facer cumprir as directivas que ata o de agora non estaban vixentes en España”. Así, as térmicas que se axusten á política enerxética poderán seguir operando.

Así e todo, os plans do Ministerio pasan por eliminar as eléctricas de carbón con sistemas de desulfurización e desnitrificación para 2025, e en ningún caso prolongar a vida útil das grandes térmicas españolas alén de 2030. O escenario foi plantexado polo secretario de Estado de Enerxía, José Domínguez, ao afirmar que para esa data “non haberá ningunha central de carbón, pero o meu vaticinio é que van pechar bastante antes dunha maneira natural, e non porque as pechemos”.

Tendo en conta que a central de Meirama será retiradada da rede eléctrica en 2020, a desaparición das Pontes podería deixar a Galicia coma territorio deficitario na produción enerxética, segundo transmitiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, despois da reunión coa ministra.

Compostilla e Anllares: desenlace inevitable

Central térmica de Anllares, no Bierzo | anllaresdesil.blogspot
Central térmica de Anllares | anllaresdesil.blogspot

A produción con carbón é responsable do 58 por cento das emisións na xeración eléctrica, un peso que condena a estes sistemas a deixar paso ás centrais de gas, na actualidade moi lonxe dos máximos aos que poden operar. Así as cousas, a térmica de Anllares (Páramo do Sil) conta xa co prace do Goberno para os trámites de desmantelamento, proceso que seguirá a de Compostilla (no encoro de Bárcena, Cubillos do Sil) logo de pechar como máximo en 2020.

O medio cento de empregados de Anllares ten un futuro complicado, que inclúe un conflito laboral que implica á subcontrata e que terán que dirimir os tribunais. Calquera iniciativa para devolver a actividade á zona chegará tarde para o plantel, a metade do cal accederá á prexubilación, mentres que o resto pasará a outros centros de Naturgy ou traballará no desmantelamento durante tres anos.

No caso de Compostilla, a corporación Endesa estudia converter as instalacións nun almacén loxístico para os parques eólicos da Península Ibérica. A eléctrica adiantou esta posibilidade dentro dun plan de acompañamento para o peche, ao que aínda haberá que engadir outras alternativas contempladas no estudio de diversificación. Endesa adquiriu en subasta vinte megavatios eólicos e ten previsto facerse con outros catrocentos na comunidade de Castela e León.

Así mesmo, os traballos de desmantelamento poden estenderse ata seis anos, polo que Endesa ten previsto ofertar 130 empregos para os operarios que non queran deixar a zona, recolocando con criterios de proximidade xeográfica aos outros 50 que operan na central.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...