O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, confirmou que prevé asistir ao oficio relixioso que, segundo xa trascendera, está auspiciado pola institución provincial, e que terá lugar este xoves 28 en Momán para conmemorar a mellora do estado da estrada Momán-As Pontes.
En declaracións aos medios preguntado por cuestións internas socialistas, Tomé incidiu en que o xoves será “un día tremendamente ocupado” porque, “á parte do que se faga na Deputación, haberá unha misa moi importante en Xermade”.
“Cando cheguei á Presidencia da Deputación (2019) alí había buracos e era unha estrada onde o cura plantaba toxos, entón celebraba misas reivindicativas e agora que iso está arranxado ata As Pontes creo que é o momento de celebrar misas conmemorativas e de arranxo desa estrada“, xustificou.
En concreto, o párraco de Momán, Luís Rodríguez Patiño, organizou dúas misas xunto á estrada que vai de Momán ás Pontes nos anos 2016 e 2019, respectivamente, para esixir a mellora desta vía. A terceira terá lugar na mesma localización o 28 deste mes ás 13,00 horas, e servirá para conmemorar que se están efectuando.
A vía é de titularidade provincial e as obras de mellora están nun estado avanzado.