A Deputación financia a instalación dunha depuradora ecolóxica en Xermade

A previsión é que entre en funcionamento este 2021.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomei, e o alcalde de Xermade, Roberto García, na firma dun convenio. DEPUTACIÓN DE LUGO

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Xermade e deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asinaron un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achegará 46.000 euros para a construción dunha depuradora ecolóxica no barrio do Empalme, na parroquia de Cabreiros.

José Tomé subliñou que a achega provincial facilitará a vida aos veciños dunha ducia de vivendas do rural, onde o pico máximo de poboación que se consegue é de 25 persoas. Vaise a instalar ao aire libre, ocupando a depuradora ao redor de 100 metros cadrados.

“Este barrio aínda non tiña depuración de augas, e é moi necesaria. Trátase dunha demanda histórica que agora se ve cumprida grazas a este convenio, que é froito dun compromiso do alcalde coa veciñanza”, expuxo.

A previsión é que a depuradora xa empece a traballar neste 2021. O presidente provincial destacou que se optou por unha depuradora ecolóxica por contaminar menos e para alterar “o mínimo posible” a zona.