Xermade conta por fin con depósito de auga contra incendios

O concello chairego carece de fontes naturais de auga coas que abastecer aos servizos de extinción, polo que esta infraestrutura resulta crítica

A Deputación de Lugo financiou a construcción dun depósito de auga contra incendios en Xermade, que carecía desta clase de instalacións
A Deputación de Lugo financiou a construcción dun depósito de auga contra incendios en Xermade, que carecía desta clase de instalacións

O Concello de Xermade carece de fontes naturais de auga ás que recorrer en caso de incendio. Tampouco dispoñía, ata agora, de puntos de subministro artificiais cos que abastecer aos equipos de emerxencias. Mais a intervención da Deputación de Lugo solventou esta grave deficiencia coa construcción dun depósito de auga contra incendios.

Esta infraestrutura contou cun investimento de 10.500 euros a cargo do executivo provincial, que carece de competencias na loita contra o lume. O punto de recollida de auga de Xermade foi instalado no lugar de Roupar de Arriba, xunto ao cemiterio municipal e conectado a unha traída municipal. 

Conta o depósito cunha capacidade de 30.000 litros aproximadamente, que están listos para subministrar aos equipos de bombeiros co caudal necesario para extinguir incendios se fose preciso. Tamén se empregará para o abastecemento de auga ao gando cando este líquido sexa escaso, tendo en conta os cortes de subministro acontecidos en tempo de sequía.

A instalación financiada pola autoridade provincial permitirá incrementar a seguridade do Concello de Xermade, ao dispor dunha fonte de subministro de auga ao seu alcance que permite actuar con maior rapidez. A construcción desta infraestrutura era crítica, pola ausencia de puntos de auga desta natureza nun termo municipal que carece de ríos caudalosos na súas proximidades.

Con anterioridade rexistráronse incendios de certa importancia na zona, preto da estrada que vai a Viveiro. Dende a Deputación de Lugo denuncian que Xermade tampouco conta cun camión de bombeiros forestais, un vehículo reclamado á Xunta de Galicia durante anos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here