InicioMedioambiente e PatrimonioEduardo Ramil, director do MUPAV: "Introducir na educación o patrimonio da zona...

Eduardo Ramil, director do MUPAV: “Introducir na educación o patrimonio da zona podería fomentar o interese”

O director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV) aborda a repercusión do patrimonio e divulga a pegada dos primeiros poboadores da Mariña

PUBLICADA O

- Advertisement -

Vanesa Gómez Lourido – Xornal da Mariña | O director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV), Eduardo Ramil, impartirá unha conferencia sobre os primeiros poboadores da Mariña este venres, desde ás 20.00 horas, no salón de plenos do Concello de Cervo. O relatorio amplía e contextualiza a exposición de útiles líticos aberta no consistorio ata o 30 de novembro, organizada por Mariña Patrimonio e Fervenza de Sargadelos.

Director do MUPAV desde 2006, Ramil é autor ou coautor dunha vintena de libros sobre prehistoria, arqueoloxía e museoloxía, así como de doutros tantos artigos en revistas especializadas. En 2014, presentou a tese de doutoramento ‘Prehistoria antigua del occidente cantábrico: las primeras poblaciones’.

De cando son as primeiras evidencias de poboadores na Mariña?

As primeiras evidencias son do Paleolítico Inferior, dunha franxa entre os 500.000 e os 200.000 anos. Os restos localizados no xacemento de Louselas en Ribadeo situaríannos nas cifras inferiores.

Non temos elementos que nos permitan afinar máis na datación. Os restos adscríbense a un determinado momento tecnocultural e, a partir de aí, sácanse conclusións en canto á cronoloxía.

Neste caso falariamos de pezas características do achelense, útiles pesados e manufacturados sobre nódulos ou cantos.

Temos que ter en conta que as hipótesis revísanse continuamente, en función de novos achados. As intervencións realizadas nas dúas últimas décadas acreditan a existencia de elementos de tecnoloxía semellante no Val do Loira con 700.000 anos de antigüidade.

EN LOUSELAS, NOIS E RÍO COVO LOCALIZÁRONSE AS CONCENTRACIÓNS DE RESTOS DE PRIMEIROS POBOADORES MÁIS IMPORTANTES DA MARIÑA


Onde se atoparon eses restos arqueolóxicos?

Na Mariña, hai tres concentracións de restos importantes: Louselas, Nois en Foz e o entorno do encoro de Río Covo, onde se localizaron parte dos materiais expostos estes días en Cervo.

Logo documentáronse outros achados dispersos localizados na banda costeira – sobre todo na zona oriental entre Cervo e Ribadeo- e tamén cara ao interior, en espazos nos que se fixeron movementos de terras nos montes.

Adoitamos decir que onde non se busca non se atopa. De feito hai unha relación proporcional entre o número de restos documentados que hai nun determinado territorio e a presenza de grupos de afeccionados ou mesmo furtivos.

Se hai xente interesada nestas cuestións, aparecen pezas. A cuestión é que isto non nos permite sacar conclusións válidas, para iso deberían facerse prospeccións sistemáticas coa metodoloxía adecuada.

Se non se realizaron prospeccións, como se localizaron eses agrupamentos de restos?

O de Louselas foi froito dunha campaña de intervencións arqueolóxicas que se levaron a cabo en Asturias e que sobrepasaron o río Eo. Noutros casos, as primeiras noticias déronas afeccionados á historia, persoas que se dedican a saír ao campo.

O problema que ten o recoñecemento é que moita xente non identifica os restos como pezas modificadas polo home, para iso hai que ter a vista educada.

A identificación destas pezas é unha competencia que nin sequera teñen todos os arqueólogos, o que da conta da complexidade que pode supoñer para a xente allea.

“PARA IDENTIFICAR RESTOS ARQUEOLÓXICOS HAI QUE TER A VISTA EDUCADA. É UNHA COMPETENCIA QUE NIN SEQUERA TEÑEN TODOS OS ARQUEÓLOGOS”

Que tipo de restos se acharon?

Atopáronse útiles de pedra como bifaces, fendedores, raedeiras ou triedos. O elemento máis típico do achelense é o biface, que atopamos desde o sur de Inglaterra ata o sur de África e o sur da India con unhas concepcións moi semellantes.

Falamos dunha cultura que portan unha serie de homínidos comúns a todo este ámbito xeográfico nun periodo determinado.

Que sabemos da cotidianeidade deses primeiros poboadores?

Son grupos humanos que se moven polo territorio na procura de alimentos. Son recolectores de froitos e raíces e aproveitan o carroñeo de especies mortas por outros carnívoros.

Nestes momentos iniciais da humanidade, non se practica a caza selectiva ou planificada. Podían abater algún animal dunha forma moi rudimentaria, a pedradas ou con trampas, pero non tiñan lanzas ou instrumental de caza.

En Louselas documentáronse entre 500 e 600 pezas da mesma época o que nos fai pensar nun asentamento de certa envergadura, nunha comunidade ampla intentando explotar os recursos deste territorio próximo á costa na veiga do Eo.

Nese momento a ría non estaba aínda configurada e a liña costeira estaba 13 quilómetrosmar adentro. O mesmo acontece en Nois: a zona foi comida polo mar, os materiais documentados apareceron nun cantil que se está desmoronando.

NO XACEMENTO DE LOUSELAS DOCUMENTÁRONSE DESDE OS ANOS SETENTA ENTRE 500 E 600 PEZAS DA CULTURA ACHELENSE


Con que especies animais compartían o territorio eses primeiros poboadores?

Falamos dun periodo de cambios de fase climática cada 100.000 anos, polo que pasamos de paisaxes de bosque semitropical a paisaxes de sabana. Isto trae consigo cambios na fauna. En épocas cálidas, elefantes, rinocerontes ou hipopótamos e, en épocas frías, outras especies adaptadas a esas condicións climáticas como os mamuts.

Cal é a importancia dos útiles líticos que se expoñen no consistorio de Cervo?

Como todos os elementos arqueolóxicos son testemuñas do pasado. Individualmente a súa importancia é relativa, pero en conxunto informan da presencia de grupos humanos en zonas nas que non se tiñan localizado restos e tamén de como esas comunidades empregan as materias primas do territorio.

Son pezas que adscribimos ao achelense, que seguen documentando esa cultura, e tamén hai algunha quizais posterior que podemos relacionar coa tecnoloxía dos neandertais.

Que procedemento se segue con estes materiais cando chegan a un museo?

No caso de que se constitúa ese depósito de materiais, a función do museo é catalogar, estudar e, no seu caso, expoñer as pezas.

Os museos custodian e conservan o patrimonio pero tamén deben ocuparse de estudalo e difundir o coñecemento que proporciona.

Non só nas vitrinas, se non tamén a través de publicacións científicas e de recursos cos que acheguen ese coñecemento ao ámbito educativo. O importante é crear un discurso histórico para que a xente poida ir entendendo o que sucedeu.

Cal é o potencial patrimonial da Mariña?

A Mariña ten patrimonio interesante, como calquera outro lugar. É certo que a nivel bibliográfico non hai demasiada produción e, no caso dos restos dos que falamos, tampouco se fixeron intervencións arqueolóxicas de envergadura. Pero hai liñas de investigación nas que se está avanzando.

O pasado sábado, o MUPAV participou no Congresso Internacional Cultura Castreja. Identidades e transicões, celebrado en Santa María da Feira (Portugal), cunha ponencia sobre a cultura material dos castros da Mariña. Traballamos tamén nunha monografía extensa do Castro de Fazouro.

O MUPAV PRESENTOU UNHA PONENCIA SOBRE A CULTURA MATERIAL DOS CASTROS DA MARIÑA NUN CONGRESO EN PORTUGAL E TRABALLA NUNHA MONOGRAFÍA SOBRE O CASTRO DE FAZOURO

Coñecemos e valoramos o patrimonio?

Os temas relacionados co patrimonio saltan aos medios normalmente por actuacións que o destrúen, ás veces enfatizadas por grupos que teñen interese en facerse ver. Raramente a investigación ou a xeneración de coñecemento novo ten esa repercusión mediática, e para moita xente a prensa é a única fonte de información.

Charlas como as deste venres organízanse de forma moi esporádica e son actividades minoritarias. As publicacións e cadernos que editamos tampouco alcanzan unha gran distribución. Non hai un gran interese por coñecer esta parte do pasado.

Logo hai outro problema: os libros de texto que se empregan no ámbito educativo. Non se fai un esforzo por introducir cuestións de cada zona cando esta podería ser unha fórmula eficaz para fomentar o interese polo patrimonio.

“NO ÁMBITO EDUCATIVO FALTA UN ESFORZO POR INTRODUCIR CUESTIÓNS DE CADA ZONA NOS TEMARIOS”

Precisamente o alumnado do instituto de San Cibrao é o destinatario de parte do programa divulgativo do venres.

Si. A idea é trasladarlles o coñecemento do que dispoñemos dunha maneira que o entendan, e que o interpreten e valoren como parte do seu propio pasado. Parece que temos interiorizada a idea de que o límite do noso pasado está nos castros, pero a historia da humanidade comezou moitísimo antes.

Faremos un obradoiro de útiles de pedra que tamén ofrecemos como actividade educativa no MUPAV e que axuda a comprender mellor as pezas que logo vemos nas vitrinas dos museos.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...