A alcaldesa de Vilalba di que Rodrigo Pavón deu “todas as explicacións” tas a súa dimisión este luns

Elba Veleiro negou que haxa unha crise no goberno local tras a renuncia de Pavón que conta con todo "o respecto do equipo de goberno".

Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.

A alcaldesa de Vilalba, a socialista Elba Veleiro, negou que exista unha crise no goberno local tras a renuncia do tenente de alcalde, Rodrigo Pavón, que anunciou este luns a súa dimisión.

Veleiro matizou que o edil “deu todas as explicacións na rolda de prensa que se celebrou onte e alegou motivos persoais”, unha decisión que ten “todo o respecto do equipo de goberno”.

“Conta co noso apoio, co noso desexo de que o futuro sexa o mellor posible para os seus intereses e agradecerlle o gran labor que realizou durante os últimos anos, non só estes anos que estamos con responsabilidades de goberno senón con anterioridade xa formando parte do grupo municipal desde 2015 na oposición, e anteriormente como secretario de xuventudes socialistas”, subliñou.

A alcaldesa de Vilalba non ten dúbida de que “vai continuar, non de forma presencial cos cargos que ostentaba ata agora pero vai seguir apoiando o proxecto porque é o proxecto de todos”.

“Agora hai que proceder, xa estabamos hai algúns días, mesmo antes de que me manifestase as súas circunstancias de que ía presentar a dimisión hai uns días, xa con anterioridade estabamos a traballar na reestruturación (do goberno local) porque xa houbo outros cambios previos para acometer o novo curso”, explicou.

En canto ao seu substituto, a alcaldesa de Vilalba apelou á “reestruturación”, que será “bastante complexa porque compete a áreas importantes”. “Evidentemente ímonos a tomar un tempo para facelo da mellor maneira para dar resposta ás necesidades dos nosos veciños”.

Finalmente sobre se esta “reestruturación” podería abrir a porta ao regreso ao goberno local do grupo Vilalba Aberta, que abandonou o executivo hai uns meses e deixou en minoría ao goberno local, enmarcou os cambios “no grupo socialista”.

Tampouco é prioridade acometer negociacións con outros partidos. “Neste momento non é esa nosa prioridade, agora non digo que non se poida chegar a esa decisión si o estimamos conveniente para prestar o mellor servizo aos nosos veciños”, concluíu Elba Veleiro.

REACCIÓNS DO PP

O PP de Vilalba lamentou que o PSOE “dedique máis tempo a resolver problemas internos que a gobernar” o municipio, despois da renuncia do primeiro tenente de alcalde do goberno local, Rodrígo Pavón, que se suma á ruptura con Vilalba Aberta o ano pasado.

“O lume do PSOE está ciscando Vilalba”, advertiron os populares da localidade, quen mostraron a súa preocupación pola incidencia que supón para a gobernación municipal e, por tanto, para os veciños “as leas internas dos socialistas”.

“Esta deriva tan só contribúe a retardar aínda máis a xestión municipal e asuntos tan relevantes como pode ser a aprobación dos orzamentos”, denunciaron, á vez que advertiron de que se trata da “segunda crise en dous anos”: “Non se pode obviar que a primeira se debeu a que a propia alcaldesa rompeu de forma unilateral o pacto de goberno”.