A presidenta da xestora do Partido Popular de Vilalba, Sandra Vázquez, presentou este xoves o equipo que a acompañará neste órgano para recuperar a alcaldía nas vindeiras eleccións municipais. Trátase, di, dun grupo “amplamente renovado” para construír un proxecto “gañador” e “de goberno”.
Fórmano dez persoas “moi coñecidas” no concello debido á súa actividade e perfil profesional, entre as que se inclúen empresarios, traballadores do sector servizos, sanitario, educación ou deportivo. Así é todo, a xestora queda “aberta” a posibles incorporacións nos vindeiros meses.
A popular destacou o carácter “paritario” do grupo, que tamén combina “experiencia e xuventude“: tan só o primeiro da lista conta con máis de 60; o resto, sitúase entre os 24 e os 50 anos. “Cremos que, nestes momentos, o que máis precisamos como partido é aprender dos que contan con máis percorrido en política pero tamén dos que, por idade, representan aire novo, entusiasmo e gañas de facer cousas polo noso pobo”, indicou.
“Son un equipo comprometido e con ganas de traballar para que o PP volva gobernar en Vilalba. Agradezo que desen este paso adiante e o seu compromiso para seguir sumando e devolver o prestixio que tiñamos como Concello e sociedade antes da chegada dos socialistas ao goberno”, afirmou.
Na presentación, Vázquez estivo acompañada pola presidenta do PP provincial, Elena Candia, quen agradeceu o traballo realizado durante estes meses por parte do grupo municipal. Candia aledouse deste grupo tan “ecléctico” que “saberá empatizar co sentir dos vilalbeses para logo levar o PP á alcaldía”.
A LISTA COMPLETA
Os nomes que configuran a lista son os seguintes: Sandra Vázquez, da parroquia de Torre, deputada autonómica e extraballadora da banca; José Franco Criado (Vilalba), xubilado e presidente provincial de voluntarios de Protección Civil; Agustina Fernández Pérez (Lugo), farmacéutica no centro de saúde vilalbés; José Manuel López Barrio (Vilalba), director do colexio de Román); María Flor Rey Martínez (Goiriz), traballadora; José María García-Leira Boado (Vilalba), empresario; Inmaculada Ramudo Rodríguez (Corvelle), enxeñeira técnica en topografía; José Manuel Seoane Pernas (Román), empresario); Fany González López (Belesar), matrona; e Carlos Rivas Cordal (San Cosme de Nete), traballador de Entrepinares e persoa moi vinculada ao deporte vilalbés.