“A afección pola música e o gusto que hai en Galicia é excepcional”

Entrevista con Kepa Junkera, músico éuscaro mestre da trikitixa e gañador dun Grammy latino no 2004, que actúa este venres en Muras

Kepa Junkera, o mestre éuscaro da música coa trikitixa que actúa este venres en Muras
Kepa Junkera, o mestre éuscaro da música coa trikitixa que actúa este venres en Muras

Ramón González Rey | Mestre da trikitixa, o acordeón diatónico orixinario de Euskadi, premiado cun Grammy latino no 2004 polo seu álbum de música en directo ‘K‘, Kepa Junkera (Bilbao, 1965) será este venres o glan reclamo da primeira xornada festiva do San Pedro de Muras. Está contento, pois Galicia para el é un lugar especial. “Uns amigos de Moeche enteráronse do concerto e aos cinco minutos chamaron para que fose comer á súa casa. Iso noutros sitios non pasa”, explica.

Volve a Galicia e para tocar nunhas festas patronais, populares.

Si. Temos capacidade para tocar en teatros e centros culturais, e tamén para actuar ao aire libre, neste tipo de eventos, nos que a xente terá ganas de encontrarse, de conversar, de bailar. Para nós é bonito ter ese abano, e cada concerto é diferente.

ACOMPAÑARANME SORGINAK, UN GRUPO QUE É O EQUIVALENTE DAS PANDERETEIRAS, AÍNDA QUE CUN SON DIFERENTE”

 

E que formato traerá a Muras?

En Muras estarei co grupo Sorginak, que serían o equivalente vasco das pandereteiras, aínda que teñen unha sonoridade diferente que ao público galego lle pode gustar. Gravei con elas o álbum ‘Maletak‘. Tocaremos pezas compostas por min para esta formación e tamén outras do disco ‘Galiza‘. Logo, temos outros proxectos diferentes. O sábado farei 1.000 quilómetros para presentar ‘Fok‘ en Barcelona e o domingo estarei en Cerdanyola del Vallés para presentar un proxecto cun músico catalán, Josep María Ribelles.

Con ‘Galiza’ (2013), no que participaron Milladoiro ou Leilía, homenaxeou a esta terra. Que ten de especial para vostede?

Ese disco é o froito da miña admiración polo pobo galego, e decidín pasar unha parte do repertorio polo meu filtro, tocal sempre desde o respecto pero coa miña perspectiva.

Para min, Galicia é unha segunda casa, un paraíso natural e humano. A miña historia co pobo galego xa ten máis de 30 anos. Son tres décadas indo e reafirmando a xenerosidade da xente. O que ocorre aquí coa música, a afección que hai por ela e o talento, tenme admirado. As melodías, o gusto interpretativo, é impresionante. Temos que reivindicar que o pop indie pode estar moi ben, pero que un grupo de pandereteiras tamén pode ser a hostia. Ou que a trompa da Fonsagrada de Daniel do Pando é algo único. Hai todo un mundo que é apaixonante.

GRAVEI UN DOCUMENTAL SOBRE O ENTROIDO EN CHANTADA OU SALCEDO. AÍ NON HAI PLÁSTICO, TODO É NATURAL E SALVAXE”

 

Tamén lle atraen, ademais da música, outro tipo de manifestacións culturais.

Si. De feito, en novembro, en principio, imos estrear un documental, ou unha especie de road movie, que gravamos durante catro días en Galicia, no Entroido de varios lugares de Ourense eLugo. Estivemos por Viana do BoloXinzo de Limia ou Salcedo, onde tiven a sorte de ser un dos criados do Oso, e tamén no Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba, en Chantada. Non son un etnógrafo, pero gústame moito o contacto con esas tradicións. Agora mesmo está na fase de montaxe, que temos moi avanzada e estamos a piques de rematar.

Que lle interesa do Entroido en Galicia?

Que hai tradicións moi diferentes e sobre todo que nada é plástico, artificial, todo é de verdade,salvaxe e orgánico. A baixada do oso en Salcedo, ver como se visten os peliqueiros, son momentos únicos.

REIVINDICAR O REPERTORIO MUSICAL DE RAÍZ DA PENÍNSULA IBÉRICA É UNHA MATERIA PENDIENTE”

 

No 2010 pechou a súa triloxía sobre a música tradicional da súa terra (‘Etxea’, ‘Kalea’, ‘Herria’). No 2013 publicou ‘Galiza’, e agora vén de quitar ‘Fok’ (2017), un álbum no que se sumerxe na tradición de Cataluña. É un fresco parcial da música ibérica. Que pretendía?

Creo que na Península Ibérica temos un patrimonio musical tremendo, que hai que reivindicar. Agora estou inmerso nun traballo sobre o Alentejo. Penso que poñer en valor o repertorio de raízé unha asignatura pendente.

Hai un certo descoñecemento e os medios de comunicación contribúen a iso, a que todo iso pase desapercibido: sabemos todo sobre un grupo grunge de Seattle, pero non o que temos ao pé da casa. Ás veces queremos parecernos a outros países, coma os nórdicos. E non digo que teñan nada de malo, pero eu teño tocado en Estocolmo ou Helsinki e a calor da xente de aquí é diferente.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here