InicioMedioambiente e PatrimonioOs legatarios asinan o proxecto de rehabilitación da casa de Díaz Castro

Os legatarios asinan o proxecto de rehabilitación da casa de Díaz Castro

A Deputación asume a redacción do proxecto para mudar a casa de Díaz Castro, que herdou a Asociación Xermolos, nun espazo de patrimonio e cultura

PUBLICADA O

- Advertisement -

A pegada de Xosé María Díaz Castro, finado en 1990, é o embrión do rexurdir cultural de Guitiriz. A obra deste autor embebe as accións de asociacións hiperactivas coma Os Vilares, Lareira de Soños, Nova Poesía Guitirica e CulturaliaGZ, e nomeadamente a de Xermolos, herdeira directa do poeta e tradutor vilarego.

Este luns, os legatarios asinaron un convenio no que a Deputación asumirá o custe da redacción do proxecto de rehabilitación da casa natal de Díaz Castro, coñecida coma A Casa da Xente. O acordo, por valor de 10.000 euros, foi subscrito polo aínda coordinador da asociación, o crego Alfonso Blanco, amigo do sobranceiro poeta e Fillo Adoptivo de Guitiriz.

O financiamento da reforma foi obxecto de debate no pleno da Deputación, onde o acordo foi posposto ata acadar un posicionamento unánime. O Bloque Nacionalista Galego quería consignar nas contas de 2019 fondos para a reconstrución, mais o Partido Socialista mantívose firme na idea de realizar primeiro o proxecto para calcular o custe da obra.

Seguindo o espírito de Xermolos, a casa natal do escritor dos Vilares mudará nun espazo cultural no máis amplo senso, con actividade continuada e contidos plurais. Convivirá con outros bens restaurados e valorizados pola Deputación, o Centro de Interpretación Díaz Castro –sito nun edificio tradicional anexo á casa, en Vilariño dos Cregos– e a Ruta da Pedra, que conta con recoñecemento oficial. Estes traballos contaron cun investimento de 85.000 euros.

Así, o proxecto de recuperación do inmoble será un centro cultural no que impulsar a figura de Díaz Castro, espallando o patrimonio inmaterial e situando a Guitiriz como referente da literatura e a memoria. Disporase un espazo de acampada na carballeira lindante, buscando a convivencia entre natureza e a celebración do herdo chairego. A casa albergará actividades ao longo de todo o ano, con xornadas nas que espallar as bondades da comarca e o seu asociacionismo.

A casa de Díaz Castro

Xosé María Díaz Castro | Consellería de Cultura
Xosé María Díaz Castro | Consellería de Cultura

A imposibilidade de Xermolos de conservar este ben histórico levou a unha campaña de micromecenado co obxectivo mínimo de tellar a vivenda e evitar un deterioro meirande. Por desgraza, aquela primeira idea dun centro aberto á poesía e a natureza foi un fracaso.

A casa natal de Díaz Castro, nos Vilares, ostenta 374 metros cadrados de superficie construída, divididos en dous andares. Como consta no anteproxecto, a planta superior contará con cinco espazos culturais, e a planta baixa con seis, todos diferenciados. O visitante poderá atopar a sala cos recordos de Díaz Castro, un arquivo, un punto de encontro interxeracional, un pequeno auditorio, un tear, e un pequeno aloxamento para a creación cultural.

 

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

O BNG reclama melloras da N6 no seu paso pola provincia de Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...