Ecoloxistas en Acción alerta que nas inmediacións das Brañas de Raxoi, en Guitiriz, se realizou unha corta a matarrasa de aproximadamente 20 hectáreas na que levaron por diante pinos radiata, grandes bidueiros, carballos e tamén sanguiños, pereiras bravas e castiñeiros na contornos da lagoa. Após a corta, segundo denuncia a asociación ecoloxista, procedeuse a plantar centos de Eucaliptos globolus.

Exoloxistas en Acción lembra que a braña de Baxoi está catalogada no Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Guitiriz como solo rústico de especial protección de espazos naturais. Ademais, a zona forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Tamén indican que estes feitos “aconteceron en época de cría” e que a zona “conta con varias especies de rapaces”.

Por isto, e sumado á “afectación que esta corta pode supoñer no humidal”, Ecoloxistas en Acción solicitou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda “que se levanten os eucaliptos plantados”, alomenos 200 metros desde a beira da turbeira, e que se proceda á correspondente sanción e á obrigación de repoñer a parcela ao seu estado anterior.

MORATORIA “TRAMPA”

Denuncian que isto son as “consecuencias dunha moratoria trampa do eucalipto” por parte da Xunta de Galicia e resaltan que esta “suposta” medida, lonxe de frear as plantacións, agocha unha “legalización e harmonización” das plantacións ilegais desta especie invasora.