“A Toma Cultural da Caldaloba é unha chamada de atención”

Os Vilares, Lareira de Soños organiza unha xornada lúdica e reivindicativa para concienciar do deterioro do patrimonio histórico, en especial da Torre de Caldaloba

A Torre de Caldaloba, en Cospeito | Axencia de Turismo de Galicia
A Torre de Caldaloba, en Cospeito | Axencia de Turismo de Galicia

Unha primeira pica, unha toma de conciencia. Así describe Antón Tenreiro, da asociación Os Vilares, Lareira de Soños, a I Toma Cultural da Caldaloba. Este 16 de setembro, a fortaleza é escenario de poesías e músicas inspiradas na mítica Torre, derradeiro reduto da nobreza galega e dos herdeiros do mariscal Pardo de Cela. Quen queira pode participar da marcha suave –indicada para cativos– que sairá ás 12.00 horas do local social de Pino, e que permitirá coñecer máis da historia do lugar, desfrutar do ambiente lúdico e reivindicar a protección do patrimonio do país.

Como xorde a idea de realizar esta ‘toma cultural’?

Os Vilares Lareira de Soños é un proxecto que naceu en 2014 –a asociación naceu posteriormente– coincidindo co ano en que adicaron o Día das Letras Galegas a Xosé María Díaz Castro, que era orixinario dos Vilares, do lugar de Vilariño. O proxecto comeza retomando unha encomenda que, vinte e cinco anos antes, o poeta Manuel María lle fixera a Pastora Veres, outra nativa do lugar, na primeira Romería Labrega da Chaira que se fixera nos Vilares. Fora o mesmo ano da morte de Díaz Castro.

Ese libro está case rematado. A partir de aí, un conxunto de entidades –a través de A Nova Poesía Guitirica, Culturalia GZ e un montón de autores e poetas– decidimos que habería tamén  un encontro anual, e que habería que facelo nun lugar emblemático, coma é Caldaloba. Simboliza a resistencia contra os nobres de fóra, unha fortaleza que é simbólico da resistencia da cultura galega en tempos que non son precisamente propicios, é case un labor de resistencia.

A Toma Cultural é un encontro lúdico, que ao mesmo tempo ten uns contidos. Haberá unha parte lúdica pola mañá, coa marcha cara á fortaleza, onde se dará lectura a un manifesto, e haberá un percorrido didáctico para explicar a historia do lugar; non só da fortaleza medieval, tamén do anterior, onde houbo ubicado un castro. Alí hai oesía e música para voltar logo ao local social da asociación de Pino para o xantar, no que hai anotadas máis de cincuenta persoas.

No local social de Pino celebrarase un encontro de xente da cultura e a literatura, onde poidan xurdir novas iniciativas. Trátase de reivindicar a cultura en xeral, e tamén de recuperar o patrimonio, a memoria estática do que somos e de onde vimos.

Aínda que neste caso trátase da Torre da Caldaloba, tedes unha fronte aberta asemade cos frescos San Vicenzo dos Vilares.

Non é un tema caprichoso: patrimonio hai moito, material e inmaterial, moito etnográfico por todo o rural chairego e galego en xeral. Temos a sorte de que a nosa Cidade da Cultura é o país completo, temos o románico máis importante de Europa, o que quere dicir que é o máis importante do mundo. E en moitos casos está caendo, abandonado sen aviso, mentres se gastan os cartos en monumentos faraónicos, cando a Cidade da Cultura é a propia Santiago de Compostela, aos pés da promovida por Manuel Fraga.

En calquera caso, temos unha grande riqueza. A reivindicación dos Vilares non é un capricho, porque falamos de pinturas. As pinturas non son pedras, o deterioro é moito máis perigoso porque pode levar á desaparición. Por iso centrámonos nisto, porque se non se actúa sobre estes frescos o deterioro pode ser irreversible, irrecuperable. Por iso facemos forza, levamos catro anos falando con distintas institucións, e alí teñen ido deputados e parlamentarios, a alcaldesa de Guitiriz, técnicos e cargos da Xunta.

Evolución dos frescos de Vilares | Lareira de Soños
Evolución dos frescos de Vilares | Lareira de Soños

Ninguén daba un paso cara adiante nin realizaba ningún compromiso para recuperar os frescos dos Vilares, descubertos en 1991. O que decidimos foi levar o asunto cunha iniciativa parlamentar do BNG, aprobada na Comisión de Cultura do Parlamento, pero que seis meses despois, indagando, non fixera nada. Non hai dotación económica nin entraron en contacto con outras institucións.

Nese momento decidimos levalo á Valedora do Pobo; aínda esta semana chegou unha carta dicindo que nin a Xunta nin o Concello de Guitiriz contestaron aos requerimentos, de obrigado cumprimento. Estamos preparando xa unha campaña de crowfunding, de micromecenado, que comezará o ano que vén para consolidar o que hai e que non se siga a deteriorar.

Protexer o patrimonio é sempre unha pelexa, parece que importan máis outros temas que destinar unha cifra económica ridícula, se se aborda entre distintas administracións, 90.000 euros para a restauración. Son uns frescos de máis de cincocentos anos e que se atribúen o Mestre de Parga; e segundo salientan os especialistas, son dunha gran calidade artística para a época.

Outro ben que tentades salvar do deterioro irreversible é, precisamente, a Torre da Caldaloba. Houbo avances no compromiso dos propietarios ou da administración local?

A única novidade, e non sabemos se é certa ou non porque falamos de institucións nas que ás veces as palabras non se corresponden cos feitos, é que o Concello de Cospeito está interesado en adquirir a Torre da Caldaloba. En calquera caso non temos máis información. O problema é que está en mans privadas, coma tantos outros monumentos, e esas mans privadas non teñen moitas veces a capacidade de actuar sobre o ben e restauralo. Ao final, uns polo outros, acaba indo a peor ano a ano.

O que pretendemos é facer unha chamada de atención sobre isto. Non falamos dunha torre calquera: ten unha carga simbólica moi importante, é a nosa historia. É unha mágoa, está nun lugar fantástico, de marabillosas vistas. Se hai vontade pódense acadar acordos coa parte privada –o único que representa a Torre é un problema, un gasto, aínda que non se faga nada–, e debe estar ao servizo de todos os cidadáns. O noso patrimonio é de todos, a historia é común. As entidades de base e asociacións, que non temos cartos, temos a obriga de chamar a atención sobre a situación.

Á parte da historia, da literatura e a música da I Toma Cultural da Caldaloba, lerase un manifesto a cargo de Nova Poesía Guitirica e do portal Culturalia GZ. Cales son as liñas de reivindicación do manifesto?

A cultura non é un compartimento illado, non é algo que poida ir por separado, e todos formamos parte dela: pola memoria, a lingua, o patrimonio material e inmaterial, e mesmo a paisaxe. A cultura é todo e non pode separarse. O que intentamos é que cada un, dende o seu campo, aporte sen desligar. Queremos darlle coherencia o traballo dos artistas, pero tamén o traballo sociocultural das parroquias e asociacións de veciños, transmitir que se pode colaborar, neste caso, coa asociación de Pino, ou aí atrás, co recital no día de Rosalía coa Liga Santaballesa, ou o trato coa AC Xermolos de Guitiriz e outras entidades que están abertas a colaborar. Porque trátase de sumar, diso vai o manifesto.

Xabier Moure, divulgador: “A alternativa ao despoboamento é o patrimonio”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here