InicioCultura“O Criterium é un festival aéreo distinto, o público pode tocar os...

“O Criterium é un festival aéreo distinto, o público pode tocar os avións”

O presidente do Aeroclub de Lugo repasa os principais fitos e atractivos dunha cita aeronáutica pensada coma un primeiro contacto coa aviación, orientada a todos os públicos

PUBLICADA O

- Advertisement -

Luís Abelleira preside o Real Aeroclub de Lugo, a entidade responsable de organizar o festival Criterium Aeronáutico no aeródromo de Rozas, en Castro de Rei. Este gran evento da aviación, que este 2018 celebra a XIII edición, renunirá máis de 10.000 asistentes entre o venres 20 e o mércores 25 de xullo. O público poderá participar en diferentes actividades aéreas, desfrutar das exhibicións e aprender in situ sobre a industria que está a instalarse na zona. E sobre todo, entrar en contacto coas máquinas e os profesionais da aeronáutica.

Son trece edicións do Criterium e trinta e cinco da Volta Aérea Galaico-Duriense. Como evolucionou o certame?

A evolución é cara a máis xente. Pero tamén nos pillou un cambio de normativa, o decreto sobre exhibicións aéreas publicado a raíz do accidente do Saeta en Cuatro Vientos. Aínda que facemos exhibicións e declaramos as que facemos este ano, hai outras actividades aéreas que se realizan habitualmente no aeródromo e que non son exhibicións. Que haia alguén nese momento, despegando ou aterrando sen máis, non quere dicir que sexa unha exhibición.

Sobre as exhibicións, este ano temos a Patrulla Aspa, un Cougar e un Caimán do Exército de Terra, dende o que realizarán un salto cunha bandeira de España dende o helicóptero. Como tales, pagamos un seguro e fixemos todos os procedimentos. Púxose moi complicado toda a montaxe por este tema; a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) contrólanos e está moi enriba de nós coma de calquera institución que realiza estas actividades.

Aeródromo de Rozas, en Castro de Rei, sede do Criterium Aeronáutico de Galicia | Gaerum
Aeródromo de Rozas, en Castro de Rei, sede do Criterium Aeronáutico de Galicia | Gaerum

Cada vez é máis esforzo. Estamos arredor de 60 colaboradores, e se antes o montabamos todo en tres días, agora mesmo levamos dúas semanas e aínda non rematamos. Cada vez temos máis actividades e empresas que queren estar aquí, pór o seu stand e realizar os seus faladoiros. O ano pasado as máis interesantes foron a de Indra e outra dun astrólogo que ensina a navegar pola noite seguindo as estrelas, e o voo visual nocturno é moi interesante para os que voamos.

Como cada vez temos máis actividades, pois precisamos máis medios e persoal. Agradecemos a todos os que colaboran de calquera xeito, a quenes aportan material ou unha dotación económica. Tanto de institucións coma de empresas, a colaboración é moi importante. E agradecemos o esforzo ás persoas físicas que colaboran por vocación, neste sen parar de mover escadas, carpas e avións.

É un cambio tremendo para o propio aeródromo de Rozas, porque estímase que só o sábado asistirán 5.000 persoas.

Contamos con 5.000 persoas para o sábado, e ao longo do Criterium superaremos as 10.000 seguro. Moita xente coñece xa o aeródromo dende hai anos, temos moi boa relación coa xente e as empresas darredor; pero é que amais vén xente de fóra, de León, de Asturias, de Portugal. En Asturias, coma houbo en Vigo e na Coruña, había un festival no que os avións pasaban por enriba da praia. Pero no Criterium a xente pode tocar os avións, pode subir a eles. É un festival distinto.

O forte son tamén as actividades para o público, incluídos nenos.

Aparte do que facemos aéreo, que hai de todo –paracaidismo, voo, avións acrobáticos– temos unha parte para os nenos, de entretemento. Inclúe cousas non aéreas, coma son os castelos inchables, os circuitos de karts a pedais; e aéreas, porque lles ensinamos a voar aeromodelos e drons, modelos pequenos de xoguete. É a primeira toma de contacto. Son actividades gratuítas, igual que o acceso ao Criterium, o acceso ás instalacións é de balde.

O prato forte é a Patrulla Aspa pero hai unha representación importante, co Cougar, o Caimán, o hidroavión do Grupo 43…

Eu non diría que o forte sexa a Patrulla Aspa; polo tipo de máquina que ten, cuns helicópteros que permiten esas manobras, non hai moitas patrullas deste estilo no mundo. Pero tamén o Cougar e o Caimán son dúas máquinas incribles, e realizarán un salto cunha bandeira moi grande, que é algo moi complexo polo peso da bandeira e o efecto do vento. Tamén o acompañamento do Exército de Terra é espectacular.

Chegada da Patrulla Aspa ao aeródromo de Rozas

E tamén hai que falar da xente que nos acompaña en estático, con persoal atendendo á xente o seu día a día. Están moi vencellados á industria de Galicia, como son o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) –que teñen aquí avións tripulados e non tripulados–, Ingeniería Gaerum, que traballa en Galicia cos seus bimotores, e Plysa, que acaba de chegar cos seus avións contraincendios, unhas máquinas novas que voan moi ben.

A entrada destas empresas, desta industria que se está a implantar no aeródromo, foi un cambio importante na vida cotiá de Rozas.

Hai un cambio, pero non chegou aínda a implantarse de todo. Isto leva un tempo, hai un camiño que andar e hai que facelo ben. Ese cambio que está a chegar vai paseniño. Temos un Ciclo Superior de Mantemento Aeromecánico no CIFP As Mercedes, en Lugo. O ciclo montouse grazas á colaboración do INTA, Actividades Aeronáuticas Lucenses e o propio As Mercedes.

Quen quería ser mecánico de avións non podía estudar en Galicia; dende o decreto de 1995 non se instaurara a formación. De cara a ter unha industria aeronáutica aquí, precisabamos formación aeronáutica. Instaurouse o ciclo hai dous anos e estas empresas xa comezaron a coller alumnos en prácticas, algúns contratados. Comeza a funcionar o tecido empresarial aeronáutico, foi un acerto comezara formar no As Mercedes, doutro xeito estariamos traendo xente de fóra para estes postos.

O aeródromo de Rozas, sede do festival aéreo Criterium, alberga tamén os desenrolos aeronáuticos do INTA, de Indra e de Gaerum
O aeródromo de Rozas, sede do festival aéreo Criterium, alberga tamén os desenrolos aeronáuticos do INTA, de Indra e de Gaerum

Hai exposicións de drons e modelos de pilotaxe para nenos, pero hai voos de drons a nivel profesional?

Agora mesmo aínda non podemos falar disto, temos sorpresas e queremos que sexan sorpresas.

Despois da crise que acabou con moitos festivais, é de agradecer o traballo do Aeroclub de Lugo para devolver a cultura do aeronáutico, para poder ver e tocar.

Queremos acercar a aviación ao público, que a xente poida subirse a un avión. Temos a xente moi contenta, xente maior que nunca voou, que nunca tivo a oportunidade de subir. Temos unha señora de noventa anos que se apunta a todo, que os últimos tres anos fixo diferentes actividades, lanzouse en paracaídas e fixo voo acrobático. Está encantada e este ano volverá seguro.

Cada ano a administración fainos traballar máis duro a prol da seguridade, que é o que queremos todos. Cada vez o Criterium require máis esforzos, e por iso agradecemos a todos os colaboradores que nos apoian.

Cal é o número total de participantes a nivel deportivo?

Hai dúbidas. Xusto chamou un avión que tivo que parar antes de Astorga pola meteoroloxía. Estamos á espera, porque veñen avións de Pamplona, de Alicante, Portugal… pero a meteoroloxía pode xogar unha mala pasada. Estaremos arredor dos dez participantes. 

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

A nave calcinada de Mazoi “non tiña licenza de actividade” nin a solicitou segundo o Concello de Lugo

A nave de reciclaxe da parroquia de Mazoi, alugada pola empresa Contemar, que resultou...

O BNG reclama melloras da N6 no seu paso pola provincia de Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...