Begonte celebra máis de corenta anos da Festa da Empanada esta fin de semana

A cita gastronómica porá á venda máis de 2.000 racións de empanada, nunha festa homenaxe a un dos produtos emblemáticos de Begonte e de Galicia

Presentación da Festa da Empanada de Begonte nos xardíns do Pazo de San Marcos
Presentación da Festa da Empanada de Begonte nos xardíns do Pazo de San Marcos

Festa da Empanada de Begonte terá unha nova edición esta fin de semana, o sábado 14 e o domingo 15 de xullo. O evento celébrase dende fai máis de 40 anos. A Deputación é o principal patrocinador desta cita gastronómica chairega, cunha achega de 3.000 euros dentro do seu Plan Estratéxico de Turismo. A festa terá lugar no Club Náutico do concello. 

O deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, remarcou que “o goberno da Deputación colabora activamente con estes eventos gastronómicos, para promocionar á calidade dos produtos autóctonos, ao tempo que ofrecemos unha actividade atractiva a lucenses e visitantes durante a época de verán. Ademais esta festa é un importante pulo á economía local, posto que se favorece a afluencia de público chegado dende distintos puntos da xeografía lucense e galega, na que saen á venda máis de 2.000 racións”.

O Presidente do Club Fluvial, Eugenio Arraña Suárez, agradeceu a colaboración da Deputación na promoción deste evento, e convidou a todos os visitantes a achegarse a este entorno privilexiado de Begonte e desfrutar desta fin de semana.

A Festa da Empanada comeza o sábado 14 de xullo con sesión vermú e verbena. O domingo día 15 a festa continua co sorteo dun cabrito, e a partir das 18.00 horas actuación da banda “Sons e Soños”, e despois sesión de tarde. Para facer reservas da venda de comidas a organización ten dispoñibles os seguintes teléfonos; 679 428 344- 619 821 975.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here