A RAG organiza xornadas sobre a toponimia de Castro e Cospeito

O programa de faladoiros para todos os públicos da RAG visita 15 concellos galegos para estudar e divulgar a riqueza da toponimia de vilas e lugares

Presentación da segunda edición do programa de promoción da toponimia galega 'Toponimízate' | Xunta de Galicia
Presentación da segunda edición do programa de promoción da toponimia galega 'Toponimízate' | Xunta de Galicia

Divulgar a riqueza da toponimia galega. Ese é o principal obxectivo do programa ‘Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra’,  que na súa segunda edición chega a 15 concellos. Será a través de charlas dirixidas ao público xeral nas que, ademais de poder coñecer a orixe e o significado dos nomes de cada concello e das súas parroquias e aldeas, aprenderase a usar a futura aplicación colaborativa que pretende contribuír á preservación e difusión da microtoponimia galega a través da xeorreferenciación e xeolocalización.

Os asistentes ás charlas aprenderán tamén a consultar a microtoponimia xa xeorreferenciada no “Buscador de topónimos” e as utilidades desta ferramenta para as actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais ou a promoción turística de elementos de interese cultural e rutas de sendeirismo.

Alén do interese onomástico do programa, Toponimízate concíbese como unha actividade que contribúe á modernización da lingua galega. “Con ela fomentamos o seu uso na xente nova e xeramos dinámicas de traballo que promoven a participación de toda a sociedade nun proxecto cultural común e integrador”, indicou Vicente Feijoo, técnico do Seminario de Onomástica da RAG na presentación.

15 CONCELLOS

O programa terá lugar en quince concellos da Rede de Dinamización Lingüística: Arzúa, Brión, Cariño, Miño, Muros, Castro de Rei, Cospeito, Foz, O Páramo, Celanova, Parada do Sil, Xinzo de Limia, A Lama, Moaña e Ribadumia. Vicente Feijoo visitará todos estes concellos cunha serie de charlas que contan coa colaboración, na elaboración das etimoloxías, do profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente Gonzalo Navaza.

Real Academia Galega coordinará esta iniciativa coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A acción enmárcase dentro dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad que coordina a Xunta de Galicia.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes,  recordou a excepcional riqueza toponímica de Galicia e salientou que preservala é un compromiso colectivo como o foi a súa creación. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García,  subliñou, na mesma liña, que a toponimia e a microtoponimia “forman parte do patrimonio inmaterial dos e das galegas, unha gran riqueza e obra colectiva que non podemos deixar esmorecer”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here