De Vacas estará no ‘Vilalba feita a man’, un encontro coa artesanía e a tradición

O Concello de Vilalba recupera esta cita tras o parón provocado pola pandemia. Será a vindeira fin de semana, os días 7 e 8 de maio. Ademais dos postos de artesanía, haberá obradoiros de música tradicional e de xoguetes, e tamén demostracións a cargo de recoñecidos artesáns.

De Vacas. Imaxe da súa web.

A artesanía tomará Vilalba a vindeira fin de semana con casetas que amosarán e venderán as súas mellores creacións a partir de materias primas como o coiro, o fío a tea ou a madeira, entre outras. Os postos estarán abertos ao público o sábado de 11:00 a 21:00 e o domingo de 10:00 a 15:00 na Praza da Constitución. Segundo comentan fontes do concello, “este ano fíxose unha coidada escolma entre os postos de artesanía que se instalarán co obxectivo de que sexan o máis orixinais e axeitados posible”.

Nesta liña de dedicación para mellorar o evento, Antía Rama, concelleira de Feiras e Mercados no Concello de Vilalba, comentou: “Nesta edición intentamos renovar a proposta da feira, para que os visitantes poidan atopar actividades distintas ás de outros anos. Así, a Feira de Artesanía de 2022 estará enfocada á música e ao baile tradicional, unha disciplina cunha gran afección na nosa vila”.

Presentación da “Vilalba feita a man”. Foto: Prensa Concello de Vilalba

ACTIVIDADES PARALELAS: MÚSICA E OBRADOIROS

Para acompañar aos artesáns, o concello programou diferentes actividades relacionadas coa música e o baile. Así, para o comezo da feira, o sábado 7 de maio, está programado un pasarrúas a cargo da A.C. Andrade entre as 11:00 e as 11:30.

Xa pola tarde, ás 17:00 h. organízase un obradoiro de baile tradicional, baixo o título “Bailes, xogos e algo de muiñeira”. A actividade, dirixida ás familias, corre a cargo de Montse Rivera, da agrupación Leilía. O obradoiro acolle participantes de todas as idades e os menores de 6 anos deben estar acompañados dun adulto. O obxectivo da proposta é achegar o baile tradicional a persoas principiantes así como á infancia.

Continuando co labor divulgativo e formativo, Montse Rivera ofrecerá ás 18:00 un obradoiro de baile tradicional de perfeccionamento, baixo o título “Como bailar nun serán ou foliada: as regras non escritas”. Terá unha duración de 90 minutos e poderán participar persoas a partir de 10 anos e con coñecementos de baile. As prazas nestes dous obradoiros de baile asignaranse por orde de chegada ata completar as prazas dispoñibles.

Outro obradoiro moi interesante que estará durante todo o día é un que consistirá en construír xoguetes sonoros, sendo neste caso o responsable do mesmo Xaneco Tubío. As persoas interesadas poderán achegarse en calquera momento para participar na actividade.

O grupo De Vacas poñerá a guinda á xornada do sábado cun concerto na Praza da Constitución ás 20:00 h; a entrada será de balde.

O domingo, 8 de maio, a xornada de feira estará aberta de 11:00 a 15:00 h., realizarase un pasarrúas a cargo da A.d.C. Cerna de Árbol ás 12:00. A continuación, ás 13:00 h., Brúa ofrecerá un concerto na Praza da Constitución.

DEMOSTRACIÓNS ‘EN VIVO’ DE COÑECIDOS ARTESÁNS

Durante toda a feira os artistas Clara Naseiro e José Gómez de Bernardo (Pepón) realizarán unha escultura en madeira e pedra. O curioso deste traballo en vivo é que a obra que realicen ten como obxectivo render homenaxe á música e ao baile tradicional.

Xaneco Tubío, ademais do obradoiro do sábado, fará tamén unha demostración do oficio de luthier expoñendo a zanfona e outros instrumentos elaborados no seu obradoiro.

Xosé Piñeiro, de Instrumentos Nebra, ofrecerá unha demostración da construción de gaitas. Pola súa banda, as mulleres de Insua mostrarán aos asistentes o tecido en tear, na mostra “Baixo Lizo”; e xa por último, o IES Cha ofrecerá unha exposición de fotografías sobre a Tradición Musical en Vilalba.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here