InicioTerra CháCospeitoMobilización contra os recortes de Abanca no rural: "non se pensa na...

Mobilización contra os recortes de Abanca no rural: “non se pensa na xente maior”

Os veciños de Muimenta, en Cospeito, denuncian que a redución de horarios da única oficina da vila poñerá en dificultades a súa supervivencia económica. "Non se tivo en conta o ritmo de vida do rural".

PUBLICADA O

- Advertisement -

A supervivencia da vida no rural galego poderíase resumir coa metáfora dun castelo de naipes: se cae un dos bloques que o conforman o resto vai atrás. Esa sería a posibilidade que agora pende sobre a parroquia de Muimenta, unha vila de apenas 800 habitantes situada en Cospeito que comeza a se mobilizar contra a perda dun servizo básico para garantir un futuro: o banco.

A problemática, que foi posta en coñecemento dos veciños a comezos deste mes, viría dada porque a única sucursal da parroquia –de Abanca– reducirá drasticamente os seus horarios a partir do vindeiro 7 de xuño. En concreto, e segundo relatan os veciños, a oficina pasará de estar aberta de 8:30 da mañá ás 14:00 a algo menos de tres horas, de 8:15: a 11:00.

A este recorte únese a perda do horario vespertino dos xoves, que abría pola tarde. O cambio pode semellar circunstancial ou secundario dende unha perspectiva urbanita, pero no rural o ritmo é distinto, e unha redución desta clase pode poñer en serias dificultades ás persoas dedicadas á gandaría, que como indica o veciño Carlos Montero, é unha das principais actividades da zona. “Cando rematas o traballo e das chegado poden ser as 12 xa”, explica este chairego implicado na causa.

“NON É UNHA OFICINA BALEIRA”

A redución de horarios é percibida como inxustificada de parte da vila, que nas últimas xornadas vén de sumar forzas para demandar a Abanca que dea marcha atrás á redución. Na xornada do pasado mércores 26 fixeron chegar á entidade bancaria un documento razoando os principais problemas e inconvenientes do recorte horario e que viría asinado polas principais asociacións da vila: dende clubes deportivos a culturais.

Carlos Montero atribúe a “intereses económicos” o paso adiante do banco de cara á redución de horarios da sucursal; que, segundo apunta, non é en absoluto un local pantasma. “É unha oficina que ten bastante actividade”, asegura, antes de subliñar que, nos días de pandemia “chegamos a estar 11 persoas na porta esperando para entrar. Constantemente hai movemento”, remacha.

O principal temor dos veciños de Muimenta é que a perda de facto da sucursal bancaria vaia en detrimento da economía da parroquia, que ata agora –sinala Montero– foi un núcleo de consumo por contar cunha situación estratéxica entre varios concellos. “Estannos queimando a actividade comercial en todos os aspectos: as tendas, os supermercados, os talleres… todo se vai resentir. É como se che reducen o médico, as farmacias…”

“NON SE PENSOU NO RITMO DO RURAL”

Os veciños de Muimenta coñecen de primeira man a importancia de manter intactos certos servizos básicos para garantir o futuro do rural. Así é que nos últimos anos desenvolveron mobilizacións polo mantemento do centro de saúde e as liñas de bus, en ambos casos con resultados positivos. “Somos unha vila reivindicativa, asegura Montero. “Loitarémolo, está claro que non imos quedar cos brazos cruzados”, asevera, se ben asegura que, polo momento, non se prevén mobilizacións –Abanca aínda non deu resposta ao escrito remitido–.

A falta de conexión entre os horarios desenvoltos pola corporación bancaria e o ritmo de vida do rural queda clara no esquecemento da que, como apunta Montero, adoita ser a xornada de maior actividade da vila: a feira. Esta celébrase cada primeiro xoves de mes, momento no que moita xente maior aproveita para retirar o ingreso da pensión. O problema é que ese primeiro xoves non ten por que coincidir necesariamente cos tres primeiros días laborables marcados pola entidade. A conclusión é clara: “está claro que non se pensa na xente maior”, asegura Montero, que remata: “non se tivo para nada en conta o ritmo de vida do rural”.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...