InicioSociedadePiden sacar do "abandono absoluto" a Torre de Caldaloba, unha das maiores...

Piden sacar do “abandono absoluto” a Torre de Caldaloba, unha das maiores xoias da Terra Chá

Unha vintena de asociacións da Terra Chá demanda á Xunta que cumpra as súas promesas para protexer o inmoble, Ben de Interese Cultural.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Torre de Caldaloba, tamén chamada castelo de Vilaxoán, é unha fortaleza con historia no pasado de Galicia. Este maltreito conxunto que hoxe se atopa na lista vermella do patrimonio cultural polo seu mal estado foi, hai uns 500 anos, propiedade do mítico mariscal Pedro Pardo de Cela, erixido como o último nobre galego resistente ante os ataques dos Reis Católicos. A Torre de Caldaloba sería, precisamente, o último punto no que a familia do mariscal tería resistido o asedio dos Reis Católicos unha vez Pardo de Cela foi decapitado. A torre resultaría logo desmantelada e descoidada ante a intemperie dos séculos.

Esa sería precisamente a cuestión que 19 entidades da Terra Chá e concellos limítrofes á mesma pretenden reverter agora. Baixo o título “Recuperarmos o noso patrimonio. Recuperarmos a nosa historia”, estas asociacións veñen de convocar un acto reivindicativo o vindeiro sábado 22 de maio ante a propia torre para esixir á administración galega que faga efectivas “de inmediato” as medidas que “periodicamente vén prometendo para que o castelo de Vilaxoán ou Caldaloba pase a propiedade pública e leve a cabo a súa recuperación e posta en valor”.

BEN DE INTERESE CULTURAL

A mobilización chega ante o “estado de abandono absoluto” en que se encontra esta edificación, que, porén, ten a consideración de BIC desde 1985. Polo tanto exixen das administracións “recuperar o castelo de Caldaloba do proceso de deterioro e ruína” para así “garantir a súa conservación co obxectivo da súa posta en valor para descubrir e afondar no coñecemento histórico e no patrimonio colectivo do pobo galego”.

O acto, que segundo apuntan é aberto á participación da cidadanía, dará comezo ás 11.30h coas intervencións de Orlando Viveiro, divulgador do patrimonio da Terra Chá, que lembrará o importante patrimonio cultural e artístico presente na chaira lucense, e o mindoniense Antón Meilán, profesor emérito da Universidá d’Uviéu, que ten realizado estudos sobre os feitos históricos acaecidos na torre e, particularmente, sobre os feitos e a contextualización do sucedido en Caldaloba entre 1483-1485, con Constanza de Castro (filla do Mariscal Pardo de Cela) e Fernán Ares de Saavedra como protagonistas, e que supuxeron a fin da existencia efectiva do Reino de Galiza. O grupo Caivanca acompañará musicalmente a xornada.

ÚLTIMAS

Conclúe a inspección da nave de Mazoi calcinada este martes e a empresa desconfía de que fose provocado: “Non sei como prende unha nave...

A Policía Científica deu por concluída este mércores a inspección da nave de reciclaxe da parroquia de...

Morre un peregrino norteamericano en Portomarín

Un peregrino faleceu este mércores no municipio lucense de Portomarín, segundo informou a Garda...

Sociedade Galega de Historia Natural reclama paralizar o proxecto de Altri para Palas de Rei

A Sociedade Galega de Historia Natural emitiu un comunicado no que solicita a paralización...

O BNG presenta máis de 700 alegacións ao proxecto que Altri expón para implantar en Palas de Rei

O BNG presentou na Xunta máis de 700 alegacións contra o proxecto que Altri quere implantar en Palas...