InicioMedioambiente e Patrimonio"Os gandeiros temos que ser conscientes da crise climática. Se non nos...

“Os gandeiros temos que ser conscientes da crise climática. Se non nos adaptamos, imos levar golpes”

Joan Alibés e Ermitas Rodríguez non son fillos do rural, pero hai anos que decidiron fixar a súa residencia en Meira e montar un proxecto que engloba unha explotación ovina e mais un servizo de asesoría gandeira. Insisten na importancia de asumir a responsabilidade individual ante a emerxencia climática, pero critican a "ausencia de políticas a longo prazo" que fomenten un aproveitamento sustentable do medio: "A Xunta vai aldea por aldea. Halles custar chegar ás 30.000..."

PUBLICADA O

- Advertisement -

O mes de febreiro iniciouse en Lugo con temperaturas de récord. O pasado domingo, os termómetros non baixaron dos 13’5ºC. A sensación de estar vivindo unha primavera a destempo non é cousa menor: tras dela, á Terra próelle unha emerxencia climática que tamén ha de afectar o agro. Joan Alibés, enxeñeiro agrónomo, advirte: “Os gandeiros temos que ser conscientes desta crise para poder adaptarnos”.

Joan Alibés, natural de Barcelona, e mais Ermitas Rodríguez, enxeñeira coruñesa, montaron en Meira un proxecto que leva por nome Beealia. Amais de ser eles mesmos gandeiros, ofrecen servizos de asesoría a outros produtores. O seu consello é claro: cómpre afrontar o cambio climático con cambios reais e evidentes. “Alguén está a mudar algo? Non, ninguén fai nada máis alá de pequenas cousas sen transcendencia. Hai que mudar os sistemas de manexo e as prácticas. Iso si, cada gandaría é un mundo e a capacidade de adaptación será diferente en cada caso”, explica.

“Os días de xeada tamén virían ben para eliminar parásitos”

EN EXTENSIVO

Primeiramente, di, temos que ser conscientes de que esta problemática existe e de que os seus efectos xa están aí. Prevese que as estacións sexan máis extremas: cando haxa secas, estas serán máis intensas; cando chova, as precipitacións serán máis copiosas. “Estámolo vendo co tempo destes días. Vénnos ben aos que nos dedicamos aos pastos. Os invernos van ser bastante máis produtivos a nivel de pradeiras, porque a herba medrará máis”, comenta. “Hai gandeiros que din que lles dá igual que no verán faga moito calor se durante o inverno teñen bo pasto”. Pero, ollo!: “Os días de xeada tamén virían ben para eliminar parásitos. Temos que estar atentos a iso”.

Vacas da gandería de Don Crisanto | LX

Á hora de asesorar, cómpre ter en conta as particularidades de cada explotación pero, en xeral, Ermitas e mais Joan apostan polo sistema de produción extensivo. Para eles, “encaixa mellor” cos seus valores, permite unha maior flexibilidade horaria e, sobre todo, “favorece o benestar animal” ao requirir menor intervención humana no proceso de alimentación do gando. Ademais, aseguran que é o modelo que mellor combina un baixo impacto cun nivel de produción alto.

AS ALDEAS MODELOS SI, PERO… E O RESTO?

Ao seu entender, Galicia conta con condicións “absolutamente privilexiadas” para fomentar este sistema, “máis respectuoso co medio”. En contrapartida, batemos con enormes trabas, como o abandono de terras agrícolas, algo que lle afectará especialmente á provincia de Lugo. “Hai que poñelas a traballar!”, resolve Joan Alibés. “O problema é que non hai xente. Fan falta moitísimos gandeiros e gandeiras”.

“Falta un plan de reactivación do rural a escala autonómica. A Consellería vai aldea por aldea”, di, en referencia aos proxectos das aldeas modelos. “En Galicia hai 30.000 núcleos habitados. Así halles costar chegar a todos, eh…” Segundo el, sería moito máis eficaz desenvolver políticas globais que potencien a vida no rural en xeral, non só en lugares contados. Apostar polos servizos, polo recoñecemento social, pola actividade económica… “Non sería mellor iso ca gastar unha chea de cartos aldea por aldea, cando hai tantísimas?”, pregúntase.

“Todo isto vai alterar máis ca se soben o prezo do leite dous ou tres céntimos”

“TEMOS QUE TER UNHA VISIÓN MÁIS ALÁ DE PEDRAFITA”

Á fin, neste proceso de (non) adaptación á emerxencia climática tamén ten moito que ver a “ausencia de políticas a medio e longo prazo“. Nese sentido, o responsable de Beealia critica directamente as decisións da Xunta e lamenta, por exemplo, “erros” na cuestión do tratamento dos xurros. “O que quere facer a Xunta supón unha perversión do sistema”, chanta Joan Alibés.

“Non estamos abordando ben o cambio climático”, conclúe este enxeñeiro. “Temos que ter unha visión máis alá de Pedrafita. A pegada de carbono ou as emisións de gases de efecto invernadoiro van ter unha grande importancia. O mundo está tomando conciencia de golpe, así que as actuacións tamén serán bruscas”, alerta. “Imos a bandazos e, se non nos adaptamos, imos levar golpes. Todo isto pode alterar moito. Moito máis ca se soben o prezo do leite dous ou tres céntimos. Pero parece que iso é o único que preocupa”.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...