Triunfa a cultura!, Pardiñas canta as corenta!

O Festival de Pardiñas, en Guitiriz, celebra a súa cuadraxésima edición estes 2, 3 e 4 de agosto e mantense fiel aos seus principios: respectar as raíces, medrar sen o paraugas das administracións e fuxir de ser un macroevento. Para conmemorar a súa longa traxectoria, tocarán vellos coñecidos desta cita estival: Uxía Senlle, Xurxo Souto ou Susana Seivane, entre outros.

Festival de Pardiñas, na edición do ano 2018 | Suso Pena (Facebook: Festival de Pardiñas)

Pardiñas canta as corenta! Esta partida vai de cultura e neste festival teñen todas as cartas boas. Tradición, natureza, artesanía, boa música… Non lles falta de nada neste lugar do concello de Guitiriz, onde esta fin de semana celebran a cuadraxésima edición da súa ‘Feira e festa da música e a arte’. Aínda coas dúbidas ás que se ligou no seu inicio, o festival de Pardiñas venceu o seu medo de ser “flor dun día” e pega chimpos entre varias xeracións. O 2, 3 e 4 de agosto celebran un aniversario ben significativo. Ademais da programación habitual de concertos, está previsto un espectáculo especial que, xustamente, leva por nome iso de ‘Cantando as corenta’.

“Empezamos con moita coraxe e xente nova que tiña ganas de transformar as festas e crear novos espazos de divertimento“. Así é como explica o nacemento deste encontro histórico o seu principal impulsor, o crego Alfonso Blanco, fundador tamén da A.C. Xermolos. Coa firme proposta de dinamizar a Terra Chá, a década dos 80 comezaba cun ‘Vinde a Pardiñas a merendar!’. Á parte de partillar cultura e crear comunidade, aquel primeiro convite iniciaba unha longa aventura na que tampouco se esqueceu a oportunidade de dar a coñecer a comarca. “Non só porque sexa un festival de Interese Turístico Galego, senón porque cremos que vale a pena coñecer o recanto de Pardiñas, o balneario, aquelas carballeiras…”, conta Alfonso Blanco.

O recoñecemento das raíces e “do que é noso” é o sinal de identidade de Pardiñas, unha marca coa que se ergue entre unha Galicia inzada de festivais. Así e todo, rexeitan a idea de competir contra esoutros macroeventos que están tendo tanto éxito recentemente. “Sempre nos opuxemos a iso. Cada festival ten as súas persoas, os seus apelidos”, explica Blanco. O sobrenome de ‘feira e festa da música e da arte’ levounos a fuxir dun festival non mastodóntico. “Non queremos que sexa multitudinario, non queremos estar como sardiñas e non poder respirar”. A súa aposta tira, máis ben, por respectar un ambiente de natureza onde se poida “conversar, mirarnos aos ollos, escoitar e dialogar coa cultura”.

Intre da XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional do Festival de Pardiñas de Guitiriz, organizada pola Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG)
Intre da XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional do Festival de Pardiñas de Guitiriz, organizada pola Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG)

‘CANTANDO AS CORENTA’

Nesa teima por crear un evento moi de seu, o festival de Pardiñas créase “de abaixo cara a arriba”, a base de voluntariado. Non quixeron depender das administracións e de subvencións porque iso confírelles unha liberdade que doutra maneira non poderían ter. “Mentres dependa de nós, seguiremos tirando”, vaticina.

E tanto que tiran. Mesmo a casa pola ventá!, porque a ocasión tamén o merece. Este ano programaron un festival cheo de grandes nomes que lembran a traxectoria destes corenta anos. Á parte da programación normal de concertos e mostras de artesanía, nesta edición haberá oco para un espectáculo de conmemoración deste aniversario. ‘Contando as corenta ‘—así se denomina o ciclo— ofrecerá tres horas de música con artistas que xa teñen actuado no festival. “É unha maneira de agradecemento. Pardiñas medrou grazas a elas e eles”, asinte o crego Blanco Torrado. Refírese, por exemplo, a persoas como Xurxo Souto (Os Diplomáticos), Antón Reixa (Os Resentidos), Uxía Senlle (Na lúa), Sito Carracedo ou Xosé Manuel Pereiro (Radio Océano).

“Todos eles son intérpretes ligados á historia de Pardiñas, que se xuntaron para facer deste evento algo único. Susana Seivane, por exemplo, participou dende moi nena, mesmo ao pé do seu avó, o patriarca Xosé Seivane”. O compromiso que amosan de cara ao festival pon de manifesto a “reciprocidade e correspondencia” nese sentimento de gratitude. “Todos estamos embarcados no mesmo buque, que non é outro ca o de dar a coñecer a nosa música“.

Cartel coa programación do Festival de Pardiñas e do seu especial ‘Cantando as corenta’ | A.C. Xermolos

Precisamente, tamén o pregón desta edición vai orientado a iso. Será unha intervención cantada, da man de voces como Miro Casabella, María Manuela, Quintas Canella, Pilocha e Mero. En consonancia coa idea central desta convocatoria, farán un percorrido pola nosa música.

SEMENTE DE FUTURO

De seguro, esta andaina non remata aquí.  Botan a mirada atrás e collen impulso para os vindeiros anos. “Pardiñas ten futuro, porque temos unhas raíces tan fondas que manteremos este brío, esta enerxía e esta teima” coa que continuar co proxecto. Cada xeración achega a súa maneira determinada de ver a cultura, concede Alfonso Blanco, pero o seu prognóstico é firme: por moitos cambios que poidan darse, aínda haberá moitas máis edicións. “É que responde un pouco a esa necesidade que hai de dar a coñecer o que é máis noso e de agradecer a herdanza que recibimos dos nosos antepasados”.

Asemade, Pardiñas tenta plantar semente de futuro. Danlle moita importancia á presenza de crianzas no seu recinto, porque coidan que é unha maneira de que medren rodeados de cultura galega e de que se sintan chamados polo coñecemento do que é noso. “Que sintan a ledicia de pertencer ao noso pobo e o compromiso de manter vivo os sinais da nosa cultura”.

Así pois, xa está cantado quen gaña esta partida. O Festival de Pardiñas botou o triunfo. Vai para a sociedade e a cultura galega.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here