Once centros de ensino da provincia de Lugo afectados polas nevaradas

A Dirección Xeral de Tráfico mantén catro avisos na provincia galega máis afectada polas incidencias relacionadas con nevaradas

Alto da Baqueriza, en Castroverde, un dos puntos nos que Tráfico mantén avisos polos efectos das nevaradas | Meteogalicia

Lugo foi a provincia galega máis afectada polas nevaradas da fin de semana, tanto que a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) mantén catro avisos en estradas lucenses pola acumulación de neve. Ademais, 316 alumnos de once centros educativos víronse afectados por estas condicións, obrigando a suspender as clases no CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro.

Os condutores atoparon dificultades para continuar pola A-6 á altura do Corgo, onde quedaron parados varios camións, e en Pedrafita do Cebreiro. Nestes puntos, Tráfico retirou este luns os avisos amarelos por aparición de nevaradas. O sábado chegou a activarse o nivel vermello na LU-636 (Sarria-Becerreá) e na LU-633 (Pedrafita do Cebreiro-Alto do Hospital). Igualmente, houbo problemas na contorna da Fonsagrada.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía avisara de episodios adversos que comezarían na noite do venres, e durante a fin de semana rexistrouse un cento de incidencias polos intensos ventos e chubascos, empeorando a situación contra o domingo pola baixada de temperaturas. Meteogalicia sitúa para este luns a cota na que poden acontecer nevaradas nos 1.200 metros, altitude sensiblemente superior á da xornada precedente (700 m.).

A-6 entre Baralla e Becerreá no mediodía do luns, aínda con restriccións polo efecto das nevaradas | DGT
A-6 entre Baralla e Becerreá no mediodía do luns, aínda con restriccións polo efecto das nevaradas | DGT

A mediodía do luns, Tráfico mantén prohibicións en tres estradas da provincia de Lugo. Os camións e articulados non deben circular pola LU-633 en Pedrafita do Cebreiro, entre os quilómetros 8 e 21; pola LU-636 en Becerreá, entre os puntos quilométricos 16 e 30; e na Fonsagrada a través da LU-701, dende o quilómetro 1 ao 15. Nos tres casos as restriccións afectan a ámbolos sentidos. Tamén se pide precaución na circulación en Castroverde (LU-530), en ámbolos sentidos entre os quilómetros 19 e 57, aínda que sen restriccións para ningún vehículo.

 

Segundo os datos dos que dispón Europa Press, son 316 os alumnos afectados polas nevaradas. Deles, 28 pertencen ao CPI de Pedrafita do Cebreiro, onde se suspenderon as clases. O número máis amplo de estudantes con complicacións derivadas da neve rexistrouse na Fonsagrada, con 65 cativos do CEIP Plurilingüe Santa María, e 83 do Plurilingüe Fontem Albei.

Outros centros de ensino afectados son o colexio de Cervantes (37); o CEIP Plurilingüe Concepción López Rey, de Baleira (31 alumnos); o CPI Plurilingüe de Navia de Suarna (28) o colexio e mailo instituto de Becerreá (26); o CEIP das Nogais (11 afectados); o CEIP de Samos (6), e un estudante do CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel.

Actuacións da Deputación en 13 concellos

A Deputación de Lugo está a actuar nas estradas dun total de 13 concellos, nas que o tránsito segue complicado polas nevaradas rexistradas na madrugada do domingo, con acumulacións de entre 30 e 50 centímetros de neve.

As localidades afectadas son Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, O Incio, As Nogais, Quiroga, Ribeira de Piquín, Samos, e Triacastela. O executivo provincial ofrece asistencia viaria municipal a todos os concellos da provincia que o soliciten e de xeito gratuíto.

Nova máquina quitaneves para Pedrafita do Cebreiro

O Concello de Pedrafita do Cebreiro disporá dunha nova máquina quitaneves mercé a un investimento de 18.000 euros por parte da Deputación de Lugo. Trátase dunha colaboración entre as dúas administracións para dotar a este municipio da montaña lucense, un dos máis afectados durante o inverno pola acumulación de neve e xeo, de maquinaria propia. 

A través desta nova máquina, o Concello poderá acondicionar vías de titularidade municipal e provincial durante os días de maiores nevaradas, complementando deste xeito as labores que ofrece a Deputación a través do dispositivo invernal. 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here