Investigan en Lugo un mozo por conducir de forma temeraria e sen carné

O condutor fuxiu do lugar dun accidente no que se viu implicado o 25 de marzo, tras o cal a Policía Local iniciou as pescudas

Coche accidentado en Lugo | POLICÍA LOCAL

A Policía Local de Lugo investigou un mozo por dous delitos contra a seguridade viaria, por conducir de maneira temeraria e sen ter o carné. A investigación tamén inclúe o seu pai, o titular do vehículo, como colaborador necesario.

Os feitos ocorreron o pasado 25 de marzo pola tarde, cando a sala do 092 recibiu aviso de que na intersección entre as rúas Rolda Fingoi e Alfonso X se producira un accidente con considerables danos materiais. Ademais, segundo relata o Concello nun comunicado, había “problemas de orde pública” entre os implicados no sinistro, motivo polo cal se mobilizaron varias patrullas.

Unha vez no lugar, os policías observaron que había tres vehículos implicados. Nese momento, os tres ocupantes dun Renault Mégane -dous mozos e unha moza– fuxiron a pé e foron perseguidos por un axente que se atopaba fóra de servizo.

Este garda civil, explica o Concello, sufriu unha caída durante a persecución que lle produciu unha lesión no ombreiro. Perdeu o contacto visual co condutor cando este se tirou por un muro de considerable altura.

En canto aos ocupantes dos outros dous turismos implicados, non presentaban lesións de consideración, polo que se trasladaron polos seus propios medios a centros sanitarios.

DÍAS DESPOIS

En días posteriores, a unidade de Atestados da Policía Local emprendeu unha investigación a través das cámaras de control de tráfico, nas que puido comprobar que o Renault Megane circulaba a gran velocidade cando se penetrou no cruzamento do accidente sen respectar o semáforo en vermello.

De igual modo, ao longo da tarde daquel día, recibiuse unha chamada ao 092 informando de que un Renault Megane realizaba adiantamentos indebidos pola zona Duquesa de Lugo. Tamén un axente local fose de servizo manifestou que vira o vehículo realizando unha condución temeraria minutos antes do sinistro.

Ademais, durante a inspección do coche, os axentes atoparon un DNI e un móbil do que resultou ser o fillo do propietario do coche. Tras as pertinentes consultas, comprobouse que o mozo carecía de permiso de conducir.

Unha vez localizado o condutor, o garda civil que o perseguiu durante a súa fuxida identificouno sen problema. De feito, o mozo presentaba unha lesión no nocello ocasionada cando saltou do muro.

Por todo iso, o mozo foi citado como investigado por dous delitos contra a seguridade viaria –por conducir sen o permiso e por facelo de forma temeraria con “manifesto desprezo pola vida dos demais–, mentres que o seu pai compareceu como colaborador necesario de ambos os ilícitos.