Detido un mozo por agredir dúas veces a un menor en Lugo

O rapaz non denunciou nun primeiro momento, pero si, tras a segunda agresión.

Policía Nacional en Lugo. PP DE LUGO

Axentes da Policía Nacional adscritos á Comisaría Provincial de Lugo, encargados dos delitos relacionados coas persoas, detiveron a un home de 18 anos veciño da cidade por un delito de lesións tras agredir  dúas veces a un menor.

Segundo informou a Policía Nacional, os feitos foron denunciados na Comisaría Provincial de Lugo este pasado martes pola vítima, un menor de idade en compañía dos seus titores legais. O mozo relatou que o pasado fin de semana sufriu unha agresión por parte de cinco mozos, entre eles o agora detido, xunto con outros veciños da cidade, quen o agrediron por requirirlles a devolución dun teléfono móbil que supostamente lle quitarn a unha amiga.

Despois deste episodio, que non foi denunciado nun primeiro momento, o mozo foi interceptado na zona da Praza Maior polo agora detido, quen o apartou da zona onde se acumula máis xente e levouno, indicou a Policía, “a un lugar mais reservado” onde “comezou a agredilo” e causoulle “lesións de diferente consideración na cara”.

Por iso, e unha vez posto en coñecemento da Policía Nacional, os axentes puideron corroborar os feitos, xa que os mozos acusados da primeira agresión foran identificados por unha patrulla policial ese mesmo día, e constaba nas bases de datos policiais. A Policía resaltou que correspondía “plenamente cos datos achegados e entre eles o agora detido”.

Ao arrestado tomóuselle declaración en dependencias policiais ante o seu avogado e quedou en liberdade. A Policía apuntou que o detido “acaba de cumprir 18 anos e enfróntase ao seu primeiro delito”. Todo o actuado foi remitido á autoridade xudicial, á espera de xuízo.