Dúas persoas resultan feridas ao chocar dous vehículos en Begonte

Unha delas quedou atrapada no interior do vehículo e foi trasladada ao HULA.

Emerxencias 112 Galicia | ALX

Dúas persoas resultaron feridas ao chocar dous vehículos no quilómetro catro da estrada LU-111, á altura do cruzamento de Damil, no concello de Begonte.

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o suceso ocorreu sobre as 14:30 horas da tarde e, debido ao impacto, unha das persoas implicadas quedou atrapada no interior do turismo. 

Tras recibir o aviso, os xestores do 112 informaron o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Vilalba. Tamén foron mobilizados os axentes de Tráfico.Unha vez no punto e tras confirmar que era necesaria a intervención dos Bombeiros, o persoal sanitario indicou que unha ambulancia medicalizada xa se atopaba no lugar.

Finalmente, os profesionais do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento comunicaron ao 112 Galicia que, unicamente foi trasladada polo persoal sanitario a persoa que tivo que ser liberada do interior dun dos vehículos. Así mesmo, axudaron a saír ao ocupante do outro turismo, sen ser necesario o uso de material de excarceración.

Na xornada de hoxe, outras dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao HULA por outro accidente de circulación en Labrada (Guitiriz).