InicioSucesosDesaloxan un bar de Lugo con máis xente da permitida, clientes sen...

Desaloxan un bar de Lugo con máis xente da permitida, clientes sen máscara e camareiros sen contrato

A Policía Local inspeccionou o establecemento tras as queixas veciñais por mor do ruído que proviña do local. Alí atoparon un futbolín subido a unha mesa de billar para gañar espazo e preto de cen persoas que incumprían a normativa marcada por Sanidade.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Policía Local de Lugo denunciou un local nocturno na rúa Salvador de Madariaga, que foi desaloxado, por superar o número máximo de persoas permitido e pola presenza de clientes sen máscara. A inspección efectuouse logo das queixas duns veciños por mor do ruído que proviña do establecemento.

Así o informou a Policía Local, que relatou que sobre as 23:00 horas deste 8 de xullo patrullas do Grupo Operativo Nocturno deste corpo municipal e da Policía Nacional acudiron a un local da rúa Salvador de Madariaga porque veciños se queixaban do ruído procedente do establecemento.

Os axentes comprobaron desde o exterior que se escoitaba música “en ton moi elevado que perturbaba o descanso dos veciños”, polo que efectivos da Policía Local realizaron unha inspección no interior do establecemento.

Deste xeito, os policías localizaron varios altofalantes, unha mesa de mezclas e un ecualizador que “tentaban ocultar na zona da cociña“, a pesar de carecer o local de autorización para a instalación de equipo de reprodución musical, motivo polo cal se levanta acta de infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Ademais, comprobaron que o establecemento superaba a capacidade permitida, xa que na licenza indícase un máximo de 78 persoas e “había no interior 96”, polo que incumpría a normativa do “75% establecido”. Os axentes tamén observaron que os clientes non levaban máscara e non respectaban a distancia de seguridade interpersoal. Ademais, para “gañar espazo no local”, puntualizou a Policía Local, o responsable “colocou a máquina de futbolín encima da mesa de billar”.

Por todo iso, tramitouse acta por infracción á normativa da Consellería de Sanidade sobre medidas implantadas con ocasión da situación de emerxencia sanitaria. Os axentes ordenaron o desaloxo do local e identificaron a responsable do local, que manifestou que se celebraba unha festa de aniversario.

CAMAREIROS SEN CONTRATO

No transcurso da inspección, así mesmo, os axentes da Policía Local detectaron a dúas persoas que realizaban as funcións de camareiros sen “ningún tipo de contrato nin vinculación laboral co establecemento”, polo que tramitaron acta para a súa remisión a Inspección de Traballo da Seguridade Social.

Do mesmo xeito, tamén se detectou que no interior “había moitas cabichas, fume no ambiente e un forte cheiro a tabaco“, polo que realizaron acata por infracción á lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...