Un home foi detido polo incendio do pasado domingo nunha casa en Abadín

Ocorreu nunha vivenda da parroquia do Cabaneiro que estaba en obras e desocupada no momento de prender as chamas.

Bombeiros de Lugo | Concello de Lugo
Bombeiros de Lugo | ARQUIVO

A Garda Civil detivo na xornada deste domingo un veciño de Abadín como presunto autor dun incendio nunha vivenda, quen continúa á espera de pasar a disposición xudicial en relación a este lume na parroquia do Cabaneiro.

Os feitos ocorreron na xornada do domingo, cando sobre as 11:00 horas o 112 alertou do incendio nunha vivenda, no municipio lucense de Abadín. Os primeiros en chegar ao lugar do suceso foron membros do persoal municipal, que se presentaron cunha carroceta para iniciar os labores de extinción do incendio. Pouco despois foron os bombeiros do parque comarcal de Vilalba os que terminaron de sufocar as chamas. A casa, que está en obras, atopábase desocupada no momento do incendio.

Posteriormente, e segundo confirmaron fontes da Garda Civil, os axentes detiveron un home como presunto autor dos feitos. O detido foi levado ás dependencias policiais e continúa á espera de pasar a disposición xudicial, previsiblemente na xornada deste luns.