Desactivan o plan de seguridade tras recoller os explosivos no accidente de Portomarín

Un camión precipitouse por un viaduto da LU-633 e causou o falecemento dun dos ocupantes do vehículo.

Viaduto onde se precipitou un camión cargado con explosivos para unha canteira en Portomarín | Carlos Castro - Europa Press

A Xunta de Galicia desactivou esta medianoite o Plan Especial de Protección Civil ante accidentes no transporte de mercadorías perigosas (Transgal) tras recuperarse as condicións de seguridade na estrada LU-633, en Portomarín.  Nesta estrada, un camión cargado con explosivos sufrira un accidente durante a mañá do mércores.

O sinistro saldouse co falecemento dun acompañante e co condutor do vehículo ferido logo de que o camión se botase da vía e caera por un viaduto.

Segundo informou o 112, parte da carga esparexeuse pola contorna, o que obrigou aos servizos de emerxencias a traballar durante horas para a recollida e tratamento do material. Nestas tarefas foi necesaria a intervención dun grupo especializado da Garda Civil de Lugo, pois “requiríanse as condicións de seguridade precisas para manipular a carga”, indicaron as mesmas fontes.

Deste xeito, procedeuse a perimetrar a zona e cortouse o tráfico na estrada LU-633 desde as nove da mañá. A partir de aí, un operativo formado por profesionais sanitarios, Bombeiros de Chantada, GES de Monterroso e axentes da Garda Civil traballaron ata a medianoite para reactivar a circulación na vía e restablecer as condicións de seguridade na contorna mediante a retirada e tratamento do material explosivo.

Este operativo puido activarse tras a chamada dunha persoa particular ao 112 Galicia que informou da situación na que quedara o camión, envorcado.

Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias comunicaron cos diferentes equipos de intervención, mentres que os técnicos da Xunta activaron o Plan Transgal co fin de coordinar as tarefas de recollida e tratamento.