Unha persoa falecida ao caer un camión con explosivos por un viaduto en Portomarín

O condutor do vehículo resultou ferido e trasladado ao HULA. A empresa propietaria da carga retirou o material, moito del esparexido por unha zona boscosa.

A LU-633 ao seu paso polo concello de Portomarín | Google Maps

Un camión que trasladaba material explosivo botouse da vía e caeu por un viaduto na mañá deste mércores ao seu paso polo concello de Portomarín. A bordo do vehículo viaxaban dúas persoas. Un deles faleceu no lugar. O condutor, F.C.G., de 41 anos de idade, resultou ferido.

Segundo os datos facilitados polo 112 Galicia a Europa Press, este sinistro tivo lugar uns minutos antes das 9:00 horas da mañá na estrada LU-633, que vai de Portomarín ao Alto do Hospital.

As mesmas fontes puntualizaron que a carga do camión non resultou afectada. Foron mobilizados o 061, os Bombeiros de Chantada, GES de Monterroso, Garda Civil e Protección Civil. En concreto, o 061 mobilizou unha ambulancia de soporte vital avanzado e outra de soporte vital básico, un helicóptero medicalizado e persoal sanitario do centro de saúde de Portomarín.

No punto foron atendidos os dous homes que circulaban no camión. O condutor sobreviviu con lesións e foi traslado ao HULA, segundo sinalan fontes sanitarias, pero nada se puido facer xa pola vida do acompañante, que morreu no lugar.

EXPLOSIVOS

O camión transportaba cartuchos de goma-2, un tipo de dinamita, con destino a unha canteira, que, en parte, quedaron esparexidos por unha zona boscosa ao caer polo viaduto onde se saíu da vía, explicaron a Europa Press fontes dos Bombeiros de Chantada e do GES de Monterroso.

Ademais, fontes dos Bombeiros de Chantada sinalaron que o vehículo envorcou e quedou “coas rodas para arriba”. O corpo da vítima non puido ser liberado ata que a empresa propietaria dos explosivos dunha canteira retirou o material coa supervisión de especialistas da Garda Civil.