Localizan durmindo e triplicando a taxa de alcolemia a un conductor que provocou tres accidentes en Lugo

Outro conductor que acabou envorcado co seu coche tamén triplicou a taxa de alcol.

Control de alcoholemia | Arquivo
Control de alcoholemia | LX

A Policía Local de Lugo localizou na cama do seu domicilio a un condutor que se deu á fuga tras causar un accidente e chocar con outros vehículos antes de abandonar o seu. O home obtivo un resultado positivo que case cuadriplicaba a taxa de alcoholemia permitida.

Segundo relatou a Policía Local de Lugo, ás 5,30 horas deste sábado, 29 de febreiro, un vehículo que circulaba en sentido contrario pola rúa Mariña Española cara a San Roque chocou frontalmente contra outro que ía en sentido ascendente.

O vehículo que circulaba en sentido prohibido, indican as mesmas fontes, arrastrou ao que transitaba en sentido regulamentario, tras o que fuxiu do lugar e foi seguido pola condutora deste coche, que alertou ao 092 ao chegar á altura de San Roque con Jacinto Calvo, onde o primeiro chocou de novo con outro turismo e deuse á fuga pola Rampla de Claudio López, Rei don García e Rof Codina, onde se encaixou contra dous vehículos estacionados e contra dous edificios.

No lugar dese sinistro deixou o vehículo e o condutor fuxiu a pé, mentres quedou no lugar o acompañante, apuntaron as mesmas fontes policiais.

Unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio localizou a este condutor no seu domicilio na Avenida Fontiñas na cama. Practicóuselle a proba de alcoholemia e obtivo 0,86 mg/l, o que supón “case catro veces máis dos permitido”, incidiron as mesmas fontes. O individuo foi trasladado á Xefatura da Policía Local, onde se instruíron dilixencias por un delito contra a seguridade viaria.

Pola súa banda, a condutora implicada no sinistro foi trasladada ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), xa que se queixaba de dor a causa do accidente.

A Policía Local agradece a esta condutora “a valentía e decisión” que tivo, xa que despois de producirse o accidente e foi arrastrado o seu vehículo, “seguiu ao turismo que lle causase os danos e informou o seu percorrido á Sala de Comunicacións do 092”.

SEN CARNÉ

Por outra banda, ás 23,40 horas do 28 de febreiro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detectou a condución dun ciclomotor pola Praza Maior e , ao ser parado, comprobou que o condutor non obtivera nunca o permiso de condución.

Doutra banda, ás 7,30 horas do sábado pasado un vehículo que circulaba pola Rúa Montirón de Lugo desviouse da súa traxectoria e chocou contra catro estacionados. Debido á “violencia do impacto”, manifestou a Policía Local, o turismo acabou envorcado na calzada.

O condutor foi sometido ás probas de detección alcohólica nas que obtivo positivo de 0,80 mg/l, polo que triplicou a taxa máxima permitida, tras o que se instruíron dilixencias por un delito contra a seguridade viaria.