Policías de Lugo evitan a morte dunha muller que tentaba suicidarse

A colaboración cidadá foi fundamental.

Policía nun local nocturno / Policía Nacional - Arquivo

Axentes da Policía Nacional adscritos á Brigada de Seguridade Cidadá en servizo de Radiopatrullas evitaron, con colaboración cidadá, o falecemento dunha muller de 41 anos veciña de Lugo que tentaba quitarse a vida.

Segundo informou a Policía Nacional, os feitos ocorreron no Barrio Feijoo, sobre as 5:30 horas da madrugada. Na Comisaría Provincial da Policía Nacional tívose coñecemento disto a través dunha alerta do 112, chamada na que se detallaba que un veciño escoitaba, dende o terceiro piso, “fortes berros desde o edificio de en fronte“, pero que non podía precisar onde.

Ante estes acontecementos as dotacións policiais dirixíronse á zona e, “grazas a unha perfecta coordinación e distribución dos tres indicativos que acudiron, puideron localizar o lugar exacto de forma rápida” e  así poder asistir a esta muller, “que se tentou cortar as veas á altura das bonecas despois de inxerir unha cantidade importante de fármacos”.

Os axentes prestaron unha primeira asistencia á muller e avisaron aos servizos sanitarios do 061, que a trasladaron ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).