Investigados dous veciños de Lugo por unha ducia de estafas en locais hostaleiros da cidade

Axentes da Policía Nacional adscritos á Brigada de Policía Xudicial imputaron a dous homes duns 40 anos de idade, veciños de Lugo, por un delito de estafa a unha ducia de locais de hostalaría da cidade.

Policía Nacional | Alicante Hoy - J.P. Reina
Foto arquivo Policía Nacional | Alicante Hoy - J.P. Reina

Axentes da Policía Nacional adscritos á Brigada de Policía Xudicial imputaron dous homes duns 40 anos de idade, veciños de Lugo, por un delito de estafa a unha ducia de locais de hostalaría da cidade.

Segundo informou a Policía Nacional, os feitos que se denunciaron en dependencias policiais ocorreron os pasados meses de novembro e decembro. Os relatos fan referencia a unha persoa que chamaba a un establecemento en nome do propietario ou encargado doutro local da cidade para pedir 100 euros prestados. Vía telefónica, o individuo aseguraba que un terceiro había ser quen recollera os cartos, xa que el mesmo tiña que ausentarse da cidade urxentemente.

VARIOS CASOS SIMILARES

A primeira en detectar a estafa foi unha empresaria da cidade. Ela, despois de ser estafada e, ao “non parecerlle aquilo moi normal”, decidiu chamar ao propietario en nome do cal lle solicitaron o diñeiro. “Este manifestoulle que iso era falso”, destacaron as mesmas fontes policiais.

Daquela, esta empresaria procedeu a alertar do sucedido á sala do 091 da Policía Nacional, de maneira que acudiron traballadores de Radiopatrullas na súa axuda. En base aos datos proporcionados pola dona do local, os axentes localizaron minutos máis tarde á persoa que collera o diñeiro. Atopábase na praza Maior e portaba unicamente os dous billetes de cincuenta euros que lle dera a hostaleira.

Por mor destes feitos acabaron producíndose o resto de denuncias similares. A Policía realizou as pescudas oportunas e, posteriormente, procedeu á imputación destes dous homes por un delito de estafa. De todo iso informouse ao xulgado de garda.