Tres detidos por varias liortas en Lugo

A Policía Nacional esclarece roubos con violencia entre menores na cidade.

Unidade da Policía Nacional | Xefatura Superior

Axentes da Policía Nacional detiveron tres individuos por tres liortas en Lugo, á vez que esclareceron varios roubos con violencia. Un dos arrestados trataba de impedir a detención do seu amigo.

Segundo informou a Policía Nacional, axentes tiveron que intervir en tres liortas en diferentes lugares da cidade que deron como resultado tres detidos, en primeiro lugar na zona da Fonte dos Ranchos dúas persoas que molestaban e increpaban aos clientes do unha cafetaría, á primeira hora da mañá.

Alí, acudiron efectivos do Grupo de Atención ao Cidadán (GAC), da Brigada de Seguridade Cidadá. “E, unha vez parece que está todo acougado e en orde, atópanse que un dos homes increpa, insulta e chega agredir a un dos policías que interveñen, o que dá lugar á detención por atentado a axente da autoridade”, destacaron as mesmas fontes. Tras iso pasou a disposición xudicial.

Doutra banda, membros do mesmo Grupo que patrullaban pola Rolda do Carme, observaron un home de mediana idade, sobre o que consta unha detención por quebrantamento de orde de afastamento, co que proceden de inmediato á detención.

Este individuo atópase en compañía doutro, tamén de mediana idade, e o segundo “en vista de que o seu amigo está detido e vai ser introducido no vehículo policial interponse tratando de evitar que o introduzan no habitáculo traseiro do prioritario, proferindo insultos cara aos axentes e realizando espaventos”, destacaron as mesmas fontes.

Os axentes, “con moito tacto tratan de acougalo” e explicarlle a situación, pero a situación foi “a máis, xa que deses insultos pasa a tratar de impedir fisicamente que leve a cabo o traballo policial”. Chegou a golpear a un dos policías, polo que foi detido e trasladado a dependencias policiais.

OUTRA PELEXA

Tamén á primeira hora da mañá deste xoves a sala do 091 da Comisaría da Policía Nacional de Lugo recibiu unha chamada telefónica na que se advertía dunha pelexa ou liorta na zona da Milagrosa nun bar de copas, onde tres mulleres discutiron de maneira “moi acalorada”, indicaron as mesmas fontes.

Personados policías do Grupo de Atención ao Cidadán no lugar, observaron que estaba “todo en calma”, pero no interior do local había tres mulleres, polo que procederon á identificación das mesmas para o esclarecemento da chamada anterior.

Deste xeito, a actuación levou á detención dunha delas por unha infracción á lei de estranxeiría, ao estar en situación de estancia irregular. Fíxose cargo da instrución do expediente a Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría Provincial.

Por outra banda, a Brigada Provincial de Policía Xudicial, Grupo II, levou a cabo unha investigación por un roubo con violencia/intimidación ao recibir denuncia do Posto da Garda Civil de Monterroso por un feito ocorrido no mes de agosto deste ano no Parque de Rosalía de Castro de Lugo.

No marco desta investigación, a Policía Nacional procedeu á identificación de dúas persoas, unha delas menor de idade, por estar implicados nos feitos. Resultou que os identificados “son as mesmas persoas que estiveran detidas a semana pasada por feitos similares”, sinalaron as mesmas fontes policiais.

“Nesta ocasión repetiron o mesmo modus operandi; unha vez elixida a vítima, achéganse en grupo a ela, case sempre se trata dun menor de idade, ao que lle solicitan que lles entregue unha cantidade de diñeiro, a vítima ao sentirse intimidada accede á petición, e en caso de negarse a iso cóllenlle o diñeiro á forza”, relatou a Policía.

O menor de idade actualmente atópase ingresado nun centro de menores por mor das causas que tiña pendentes. Dos feitos informouse ao xulgado de garda e á a Fiscalía de Menores.

CONTROL DE LOCAIS

Tamén na mañá deste venres realizouse unha operación conxunta entre as Brigadas de Seguridade Cidadá, Grupo de Atención ao Cidadán, Seguridade Privada; Brigada de Estranxeiría e Fronteiras e Policía Local, para controlar locais de lecer que abren a altas horas da madrugada.

Na mesma operación identificáronse vinte persoas, levouse a cabo unha acta por utilización incorrecta das cámaras de vixilancia, outras catro por consumo e tenencia de sustancias estupefacientes (unha delas ao propio local), outra por infracción no estado dos extintores de incendios por parte de Policía Local e control da emisión de ruídos.